Coñece os símbolos das discapacidades invisibles para viaxar comodamente
As discapacidades invisibles adoitan pasar desapercibidas, o que pode xerar barreiras ao viaxar. Existen uns distintivos específicos que facilitan a identificación e favorecen contornas máis comprensivas e inclusivas.
Cando se pensa nunha persoa con discapacidade, a miúdo pénsase en muletas, cadeira de rodas ou algún tipo de apoio físico visible. Pero millóns de persoas en todo o mundo conviven con discapacidades que non se ven a primeira ollada, pero que existen e poden ser limitantes. Estas son as discapacidades invisibles.
A Esclerose Múltiple (EM) é unha enfermidade neurodexenerativa crónica que afecta ao sistema nervioso central e que ten unha multitude de síntomas que varían segundo a persoa. Moitos destes síntomas resultan invisibles, como a fatiga, os problemas de visión, a dor, as dificultades cognitivas, a epasticidade, problemas de equilibro, ansiedade, depresión… Estes síntomas non son evidentes para a contorna, o que pode levar a incomprensión, xuízos erróneos ou mesmo negación de que esa persoa necesite algún tipo de apoio ou adaptación.
En contornas como aeroportos, estacións, espectáculos ou lugares públicos con alta carga sensorial e estrés ambiental, as persoas con discapacidades invisibles poden enfrontarse a unha dobre barreira: a propia discapacidade e a falta de recoñecemento social da súa condición.
Que son as discapacidades invisibles?
O termo discapacidade invisible fai referencia a calquera condición física, mental ou neurolóxica que non se manifesta externamente de forma evidente, ou non sempre. Pero que afecta á vida dunha persoa. Isto inclúe, entre outras:
- Enfermidades autoinmunes como a EM ou o lupus.
- Trastornos neurolóxicos como o Párkinson, epilepsia ou migrañas crónicas.
- Trastornos da saúde mental como certos graos de ansiedade, depresión ou trastorno bipolar.
- Trastornos do Espectro Autista (TEA).
- Fibromialxia, síndrome da fatiga crónica ou dor crónica.
- Enfermidades intestinais inflamatorias ou metabólicas.
Estas condicións adoitan xerar limitacións, pero ao non ser sempre visibles, moitas veces non son recoñecidas nin atendidas en espazos nos que se podería necesitar apoio. A contorna pode xulgar, presionar ou cuestionar a lexitimidade, o que pode aumentar o illamento e o malestar psicolóxico.
Viaxar cunha discapacidade invisible
Viaxar implica expoñerse a novos espazos, rutinas, desprazamentos longos, esperas, ruídos, multitudes, iluminación intensa, colas, controis… Todo iso pode ser extenuante para persoas con discapacidades invisibles, EM ou outras enfermidades.
Por exemplo, unha persoa con EM pode sufrir un colapso físico ou cognitivo ao enfrontarse a unha longa andaina á calor no aeroporto, colas interminables en seguridade ou caos sensorial nun concerto. A isto súmaselle a fatiga, por exemplo, e a presión de ter que dar explicacións ou xustificarse constantemente fronte a miradas ou comentarios pola súa forma de camiñar ou por perdas de equilibro, quizais.
Ante este escenario, xurdiron iniciativas de identificación voluntaria que buscan facilitar que a contorna comprenda esta situación e garantir unha experiencia máis inclusiva e accesible para todas as persoas, independentemente de que a súa discapacidade sexa visible ou non.
O colar de xirasois como símbolo internacional
Un dos distintivos máis estendidos a nivel mundial é o Hidden Disabilities Sunflower Lanyard (ou colar de xirasois). Naceu en 2016 no aeroporto de Gatwick, no Reino Unido, como unha solución sinxela para ofrecer ás persoas con discapacidades invisbles unha ferramenta visual para comunicar que poden necesitar máis tempo, apoio ou comprensión.
O colar de xirasois gañou recoñecemento internacional rapidamente e hoxe está presente en máis de 300 aeroportos, así como en sistemas de transporte, comercios, universidades, hospitais, institucións públicas e empresas privadas de países como Reino Unido, Irlanda, Países Baixos, Canadá, Estados Unidos, Australia, Brasil ou os Emiratos Árabes.
Que comunica o colar?
O colar non significa beneficios legais nin acceso prioritario, pero é un sinal claro, visual e discreto que indica que a persoa que o leva ten unha discapacidade que non é evidente. O seu propósito é fomentar contornas máis empáticas e atentos e reducir a ansiedade de ter que dar explicacións e previr así situacións incómodas.
Trátase dunha ferramenta completamente voluntaria e cada persoa decide se quere usala, como quere facelo e cando. Pódese adquirir ou consultar en en que lugares é recoñecido nesta web: https://hdsunflower.com/
En España: distintivo Aena
En España, o colgante dos xirasois aínda non está amplamente aceptado nin é moi coñecido. Por isto, Aena creou un distintivo específico para persoas con discapacidades invisibles que é válido nas súas instalacións. Este identificador busca mellorar a experiencia das persoas nos aeroportos xestionados por esta entidade, especialmente en momentos como o paso por seguridade ou o embarque.
Ofrece as seguintes vantaxes:
- Permite o acceso, cando estea dispoñible, aos controis de seguridade habilitados para familias e persoas con mobilidade reducida.
- Informa ao persoal do aeroporto de que a persoa pode necesitar apoio adicional, comprensión ou máis tempo.
- Non require estar visible durante todo o traxecto e pode presentarse en formato impreso ou dixital.
- Non substitúe ao servizo Sen Barreiras (dirixido a persoas con mobilidade reducida), pero si mellora a accesibilidade.
Podes solicitalo de maneira gratuíta aquí: https://tramitesyreclamaciones.aena.es/distintivo_dei/#/
Nalgúns aeroportos españois, como o de Málaga e o de Alacante-Elche Miguel Hernández, tamén contan con salas adaptadas para persoas con alta sensibilidade sensorial. Estas zonas permiten reducir o impacto dos estímulos e crear contornas máis seguras para quen o necesite. Podes consultar a web dos aeroportos polos que vas pasar e comprobar que recursos teñen dispoñibles para estas persoas.
Máis aló dos aeroportos
O valor do colar de xirasois non é o mesmo que o do distintivo Aena. O segundo está pensado para dar uns beneficios ás persoas con discapacidades invisibles nos aeroportos e vai dirixido ao persoal do lugar. Non obstante, o colgante dos xirasois representa un símbolo de visibilización, de fomento da empatía, do respecto e do recoñecemento dunha realidade moitas veces ignorada.
Para unha persoa con EM, estes símbolos poden significar viaxar dunha maneira máis cómoda, recibir apoio se o necesitan e sen ter que xustificarse, non sentirse xulgada ou viaxar con máis tranquilidade.
Por que deberiamos normalizar o seu uso?
Non todo o que sente ou se ten vese. As discapacidades non teñen unha única cara. A accesibilidade non é só unha rampla ou un ascensor. A empatía non necesita ver para actuar.
Iniciativas como a dos xirasois ou o distintivo de Aena son pasos para lograr unha sociedade máis inclusiva, respectuosa e humana. Como sociedade, como institucións e como profesionais temos a responsabilidade de recoñecer todas as formas de discapacidade e contribuír a eliminar as barreiras, visibles ou non.
Viaxar con discapacidades invisbles, con EM ou con outras enfermidades pode ser complexo nalgúns aspectos, pero estes recursos permiten mellorar a experiencia e abrir espazos máis amables. Identificarse non é expoñerse, é coidarse e reclamar o dereito a non ser xulgado/a.
