FEGADEM xestionou 11 proxectos no 2024 grazas aos fondos do 0,7% do IRPF
Os proxectos, xestionados pola Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM), leváronse a cabo grazas ao cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF.
- A Federación e as súas entidades membro puideron ofrecer os servizos grazas aos fondos que as persoas contribuíntes derivaron marcando o cadro de ‘Actividades de interese xeral consideradas de interese social’ na declaración da renda.
- Estes proxectos tiveron como obxectivo a mellora dos servizos prestados ás entidades e persoas beneficiarias, así como a mellora da calidade de vida das persoas con Esclerose Múltiple (EM) e as súas familias. 8 deles foron executados polas entidades membro da Federación.
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) puxo en marcha este ano 2024 un total de 11 proxectos sociais cofinanciados pola Xunta de Galicia a través das subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0.7% do IRPF, a cal é xestionada dende FEGADEM. Estes fondos proveñen das persoas que marcan a casilla “X Solidaria” na súa declaración da renda, permitindo a FEGADEM e ás súas entidades membro levar a cabo accións que melloren a calidade de vida das persoas con Esclerose Múltiple (EM) e as súas familias, beneficiando a máis de mil persoas.
FEGADEM executou tres proxectos en toda Galicia. O de “Información, orientación e asesoramento” está destinado á xestión da Federación, resolución de dúbidas, orientación e apoio ás asociacións membro. O de “SéguEMe, EMociónate, compréndEMe cando che digo que loitamos por ti” está centrado na difusión de información, sensibilización e realización de campañas divulgativas. Neste enmarcouse a iniciativa de O SilEMcio do Rural, que se centra en detectar as necesidades das persoas con EM do rural galego. Finalmente, o programa “ComunícatEM” encargouse da xestión da comunicación interna e externa da Federación.
As entidades membro de FEGADEM executaron os 8 proxectos restantes xestionados pola Federación. Na Liña III, as actividades céntranse principalmente na mellora da calidade de vida das persoas con EM e as súas familias. Comprenden proxectos fisio-rehabilitadores, atención psicosocial, logopedia ou habilidades sociais, postos en marcha por ACEM Santiago, ACEM Coruña, AVEMPO, AODEMPER e ALUCEM. Na Liña IV as accións están destinadas a mellorar as instalacións e manter os centros de ACEM Santiago, AVEMPO e ACEM Coruña, que adquiriron novo material de oficina, de fisioterapia e mellora das instalacións en interiores e exteriores dos centros.
