FEGADEM fala da Esclerose Múltiple ao alumnado do CEIP Raíña Fabiola
FEGADEM visitou a clase de segundo do CEIP Raíña Fabiola para sensibilizar dende idades temperás sobre a Esclerose Múltiple (EM). Con esta actividade tentamos promover unha sociedade máis inclusiva e empática.
Educación sobre a EM nas aulas
Durante a xornada, achegamos ao alumnado que é a EM, explicando de forma adaptada cales son os seus síntomas, a importancia da investigación e como poden axudar ás persoas que viven con esta enfermidade.
O noso obxectivo é facerlles hegar información, fomentar a súa empatía e normalizar a discapacidade e as enfermidades crónicas dende a infancia.
“Os Bolechas” como ferramenta educativa
Para facilitar a comprensión, empregamos o noso libro de “Os Bolechas. A profesora Celia ten Esclerose Múltiple”, un recurso didáctico que permite explicar a EM aos máis pequenos/as.
A través desta historia, o alumnado puido comprender mellor a realidade das persoas con EM nunha contorna tan habitual para eles e elas como é a aula.
Na sesión combinamos contido educativo con actividades lúdicas. Xogamos e os nenos e nenas comprenderon as realidades tan diversas destas persoas que viven coa EM.
Como parte da actividade, cada neno e nena coloreou un “cerebro superheroe”, que puideron levar ás súas casas.

Agradecemento ao CEIP Raíña Fabiola
Dende FEGADEM queremos transladar o noso agradecemento ao equipo docente, á dirección do centro e ás profesoras que fixeron posible esta xornada, así como ás nais e pais implicados nunha educación baseada na inclusión e o respecto.
Leva o libro de “Os Bolechas” á túa escola
Seguimos traballando para ampliar o alcance desta iniciativa. Proximamente, outros centros educativos poderán contar co libro de “Os Bolechas” nas súas bibliotecas.
Queres contar co libro na túa escola?
Contacta con FEGADEM e te informaremos sobre como facerte cun exemplar.
