EMCare: a app móbil con IA que axudará a predicir a progresión na Esclerose Múltiple
Na Esclerose Múltiple (EM), predicir a progresión reducindo así a incertidume segue a ser un dos maiores retos da neuroloxía. E máis cando esa progresión ocorre de forma independente dos brotes. Para iso, é imprescindible detectar cambios sutís na vida cotiá xa dende as fases temperás. Cambios que, coas ferramentas dispoñibles na práctica clínica habitual, non é doado captar.
Para intentar recoller estes datos canto antes, desenvolveuse EMCare. Esta é unha aplicación móbil de uso sanitario que convirte o uso diario do smartphone nunha fonte de información clínica obxectiva que, grazas á intelixencia artificial (IA), pode chegar a predicir a progresión da EM de maneira individualizada.
Necesidades que cubre EMCare
A EM é unha enfermidade heteroxénea que afecta ao sistema nervioso central. A súa evolución e síntomas varían moito dependendo da persoa. En aproximadamente o 85% dos casos, o inicio é en forma de brotes. Non obstante, máis da metade das persoas diagnosticadas poden experimentar empeoramento progresivo ao longo do tempo, o que é a principal causa de discapacidade acumulada.
Segundo a Sociedade Española de Neuroloxía (SEN), máis de 55.000 persoas viven con EM en España. Cada ano diagnostícanse arredor de 2.000 novos casos. Ademais, o retraso medio no diagnóstico pode situarse entre un ou dous anos, chegando ata tres nun 20% dos casos, especialmente en formas progresivas.
Este retraso no diagnóstico é debido a múltiples cuestións, e dependendo do país que se estude, poden sumárselle novas dificultades. En España, detectáronse as seguintes barreiras:
- Escalas clínicas con certo grao de subxectividade.
- Baixa sensibilidade para detectar cambios funcionais sutís.
- Avaliacións puntuais que non sempre reflicten a evolución real entre as visitas.
- Dificultade dalgunhas persoas con EM para identificar ou transmitir pequenos deterioros cognitivos ou motores.
A consecuencia máis directa destas barreiras é que o diagnóstico se retrase, facendo que a progresión poida avanzar sen que se detecte ou se poida frear de maneira temperá. Por iso, con EMCare preténdense detectar pequenos xestos sutís que poden indicar a progresión da EM.
Que é EMCare e como funciona?
EMCare é un produto sanitario baseado nunha aplicación móbil que rexistra de maneira continuada variables da función física e cognitiva derivadas do uso habitual do smartphone.
Está desenvolta por Mautilus eHealth, spin-off do Instituto Ramón y Cajal de Investigación Sanitaria (IRYCIS), en colaboración con Bristol Myers Squibb.
A app, sempre con consentimento informado da persoa usuaria, recompila datos como:
- Velocidade e ritmo do tecleo.
- Número de pulsacións por minuto.
- Frecuencia do uso da tecla de retroceso (que é un posible indicador indirecto de alteracións cognitivas).
- Número de pasos diarios.
- Patróns da marcha e actividade física.
- Determinados patróns de interacción co dispositivo.
Todos estes datos son analizados con técnicas de IA para identificar patróns compatibles cunha progresión sutil da EM. A información procesada preséntase ao persoal sanitario a través dunha plataforma específica que permite un seguimento máis estruturado e continuado. Desta forma, a valoración clínica pode complementarse cos datos obxectivos recollidos na contorna real de cada persoa.
Recollida de datos pasiva
Un dos principais valores diferenciais de EMCare é que o seu rexistro é pasivo. Non require que a persoa realice probas adicionais nin tarefas específicas. A app e o seu uso normal do teu teléfono móbil xa se encarga de todo.
Isto permite reducir a carga para a persoa, mellora a adherencia e permite obter información continua en condicións reais de vida. Dende a perspectiva da calidade asistencial, supón unha oportunidade para incorporar biomarcadores dixitais que aportan evidencias adicionais á hora de tomar deicisións informadas.
Impacto no manexo terapéutico
EMCare poderá permitir, ata certo punto, detectar de maneira temperá un empeoramento progresivo. Isto facilitará:
- Axustar antes a estratexia terapéutica.
- Identificar persoas candidatas a tratamentos máis específicos ou restrinxidos.
- Optimizar os recursos asistenciais.
- Integrar modelos de telemedicina que reduzan a sobrecarga nas consultas presenciais e reduzan as barreiras relacionadas co transporte.
3 de cada 4 persoas con EM presentan algún grao de discapacidade recoñecida, polo que calqueira ferramenta que axude a anticipar a progresión axudará a mellorar a calidade de vida e a planificación terapéutica.
Investigación e validación clínica
EMCare atópase en fase de desenvolvemento e avaliación clínica no Hospital Universitario Ramón y Cajal, no marco de investigacións asociadas á Rede Española de Esclerose Múltiple (REEM).
Actualmente estase empregando nun estudo clínico con persoas con EM para analizar a correlación entre os datos recollidos pola app e as escalas clínicas habituais. O obxectivo é chegar a validar a súa capacidade para detectar cambios funcionais de forma precoz.
O proxecto recibiu apoio institucional e foi recoñecido en iniciativas vinculadas á transformación dixital na saúde.
O que deben saber as persoas con EM
EMCare aínda está en fase de desenvolvemento e avaliación e o seu uso require do consentimento informado para aceptar a recollida dos datos que precisa. Non substitúe en ningún caso o seguimento neurolóxico habitual, pero compleméntao. Pode chegar a converterse así nunha ferramenta máis para axudar a mellorar o control evolutivo da EM.
Deste modo, para as persoas con EM, esta app pode supoñer a posibilidade de que os aspectos cotiás da súa vida aos que pode que non lles dean suficiente importancia aporten información útil para a súa atención médica, sen engadir ningunha carga adicional para estas persoas.
O que debe considerar o persoal sociosanitario
EMCare é un sistema baseado en biomarcadores dixitais obtidos na contorna real que aporta datos que poden enriquecer a avaliación clínica. Deste modo, pode facilitar unha estratificación máis precisa do risco de progresión, ademais de encaixar nas estratexias de dixitalización e na medicina personalizada.
A progresión da EM non sempre é evidente. Ferramentas como EMCare buscan precisamente pechar esa brecha entre o que ocorre na vida diaria da persoa e o que se pode medir na consulta. A innovación tecnolóxica non é un fin en si mesmo. É unha vía para responder a unha necesidade non cuberta. Na Esclerose Múltiple, anticiparse á progresión pode ser unha forma de chegar a cambiar o curso da enfermidade e mellorar a calidade de vida de quen convive con ela.
Fontes
- Presentación institucional de Mautilus eHealth e a súa ferramenta EMCare, en colaboración con Bristol Myers Squibb, publicada polo Instituto Ramón y Cajal de Investigación Sanitaria (IRYCIS):
https://www.irycis.org/es/comunicacion/noticias/442/presentacion-institucional-de-mautilus-su-herramienta-emcare-y-la-colaboracion-con-bms - Información sobre a aplicación EMCare e o seu desenvolvemento extrahospitalario por investigadores do grupo Red Española de Esclerosis Múltiple (REEM) do Hospital Ramón y Cajal:
https://reem.es/noticias/emcare-una-nueva-aplicacion-que-nace-para-monitorizar-la-em-de-forma-extrahospitalaria-y-que-ha-sido-desarrollada-por-investigadores-del-grupo-reem-del-hospital-ramon-y-cajal/ - Grabación da xornada de presentación institucional de EMCare no Hospital Universitario Ramón y Cajal:
https://www.youtube.com/live/gk6s-nb52cw - Nota de prensa de Bristol Myers Squibb sobre EMCare como sistema que facilita o seguimento de persoas con esclerose múltiple mediante intelixencia artificial:
https://www.bms.com/es/media/press-release-listing/emcare-sistema-facilita-seguimiento-personas-con-esclerosis-multiple-gracias-inteligencia-artificial.html - Información técnica e descrición do proxecto EMCare na web do ITEMAS – Innovación en Tecnoloxía e Saúde: https://itemas.org/emcare/
- Documentación da Sociedade Española de Neuroloxía sobre a EM e os retos asociados á progresión e valoración da discapacidade:
