Investigan como o fenebrutinib pode retrasar a enfermidade en persoas con EM recorrente
Novos datos do estudo en fase II FENopta de Roche fan ver o potencial do fenebrutinib no tratamento da EMR. As persoas tratadas con este fármaco non presentaron progresión da enfermidade nin actividade significativa tras 96 semanas.
Sen progresión da discapacidade tras 96 semanas
A compañía farmacéutica Roche Farma anuncia novos resultados tras 96 semanas no seu estudo de Fase II FENopta, que demostra que as persoas con Esclerose Múltiple Recorrente (EMR) que durante este tempo foran tratadas con fenebrutinib non presentan progresión da discapacidade e manteñen baixos os niveis de actividade da afección.
O fenebrutinib
Este medicamento está en fase experimental e é un inhibidor da tirosina quinasa de Bruton (BTK). Esta é unha proteína que desempeña un papel na inflamación e a resposta do sistema inmunolóxico. O fármaco adminístrase por vía oral e diríxese ás células B e á microglía, dous tipos de células involucradas na inflamación da EM.
Datos obtidos
Foron 99 as persoas que participaron neste estudo e 93 permaneceron en seguimento despois de 96 semanas. As persoas tratadas con fenebrutinib durante este período tiveron unha baixa taxa anualizada de brotes (TAB) de 0,06 e non houbo progrsión da discapacidade, segundo o medido pola Escala Expandida doEstado de Discapacidade (EDSS).
“Estes datos amosan que os pacientes tratados con fenebrutinib experimentaron unha taxa anualizada de brotes igual a un brote cada 17 anos e non se observou progresión da discapacidade ata os dous anos. Fenebrutinib é potente, altamente selectivo, o único inhibidor reversible de BTK actualmente en ensaios fase III para a Esclerose Múltiple, e agardamos ver os primeiros deses resultados a finais deste ano”, afirma o doutor Levi Garraway, director médico e xefe de Desenvolvemento Global de Productos Roche.
As resonancias mostraron que este tratamento en desenvolvemento suprime a actividade da enfermidade no cerebro. Tras as 96 semanas, non se detectaron novas lesións T1 captantes de gadolinio (T1-Gd+), que son marcadores da inflamación activa.
Acontecementos adversos
O perfil de seguridade do fenebrutinib foi coherente cos datos comunicados anteirormente, sen detectar novos problemas de seguridade nas 96 semanas. Os acontecementos adversos máis frecuentes en menos do 5% das persoas foron:
- COVID-19 (10%)
- Infección do tracto urinario (10%)
- Farinxite (6%)
- Infección do tracto respiratorio (5%).
Só en 2 persoas detectáronse efectos adversos graves: unha elevación asintomática da alanina aminotransferasa na semana 4, que se resolveu coa interrupción do tratamento.
O futuro deste tratamento
Están en marcha tres ensaios clínicos fase III en EMR e en Esclerose Múltiple Primaria Progresiva (EMPP). Os primeiros datos destes estudos agárdanse para finais deste ano 2025, e caracaterizarán os efectos de fenebrutinib na progresión de todo o espectro da Esclerose Múltiple.
