O CHUVI lidera en Galicia a predición do progreso da Esclerose Múltiple
O Hospital Meixoeiro, do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), é o único hospital galego que usa análises de sangue para facer un seguimento á eficacia dos tratamentos e previr posibles empeoramentos.
O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) lidera a guía internacional do biomarcador en análises de sangue. O Hospital Meixoeiro é o primeiro dos hospitais galegos que usa análises de sangue para facer un seguimento á eficacia dos tratamentos e para previr posibles empeoramentos na Esclerose Múltiple.
A Esclerose Múltiple (EM)
A Esclerose Múltiple (EM) é unha enfermidade neurodexenerativa e autoinmune, é dicir, o propio sistema inmunitario ataca por erro ás neuronas, en vez de protexer ao corpo. Non se coñece a causa, pero maniféstase en moitas partes do organismo, ao afectar ao sistema nervioso central. Os síntomas son moi variados, por iso recibe o nome da ‘Enfermidade das Mil Caras’.
Hai diferentes tipos de EM e o maioritario é a remitente-recorrente, no que os síntomas aparecen en brotes e despois diminúen ou desaparecen. Para levar un control das persoas que viven con esta enfermidade, realízanse resonancias nas que buscan imaxes das lesións provocadas por estas crises ou brotes.
O CHUVI como precursor
No CHUVI xa complementan, dende fai máis de dous anos, as resonancias cunha análise de sangue a través da que poden levar un seguimento da eficacia da terapia e, incluso, anticipar recaídas.
Estas innovadoras probas puxéronse en marcha polo laboratorio de enfermidades neurolóxicas do Servizo de Análises Clínicas, xunto á Unidade de Esclerose Múltiple do Servizo de Neuroloxía. Este servizo está dirixido polo doutor José María Martínez Iriarte. Esta práctica está sendo posta en marcha en máis de 860 persoas con EM. “Permite unha vixilancia máis estreita”, afirma a neuróloga Inés González Suárez.
Novo biomarcador en sangue
Fai pouco identificouse un novo biomarcador en sangue que permite comprobar se houbo algún dano neuronal, en concreto, algunha rotura do axón. O axón é a prolongación das neuronas que permite transmitir os impulsos nerviosos. Cando un axón se dana, os seus neurofilamentos chegan ao sangue, e entre eles está a chamada cadea lixeira de neurofilamentos (NfL), que é o que esta proba detecta.
Os axóns poden romperse por varias patoloxías, e unha delas é a Esclerose Múltiple. Nas persoas con EM remitente-recorrente, obsérvase un pico deste biomarcador antes de que se produza unha crise. É dicir: primeiro dánanse as neuronas e despois chegan os síntomas.
Novo modo de avaliar as terapias modificadoras da EM
A comunidade científica chegou a un consenso para utilizar esta técnica e avaliar así a eficacia das terapias modificadoras da EM. Ademais, este medio é máis accesible que as resonancias. A analítica de sangue pedíase cada tres meses; agora, xa cada seis. Mentres que as resonancias son anuais.
Os resultados da análise contrástanse cos valores que se poden xeneralizar a toda a poboación, xa que varían moito segundo a persoa. Deste modo, compárase a evolución de cada persoa con EM; a variación entre o resultado actual e a anterior. Se hai un aumento importante, a neuróloga podería adiantar a resonancia para ver que está sucedendo, axustar ou cambiar o tratamento, entre outras posibles decisións. Se hai un descenso, é que a terapia está indo ben.
