EM en cifras
Aportamos algunhas cifras importantes relacionadas coa Esclerose Múltiple en Galicia, en España, en Europa e no mundo.
A EM é unha enfermidade neuroinflamatoria crónica e desmielinizante que constitúe unha das principais causas de discapacidade en persoas adultas e novas. Non é unha enfermidade hereditaria, pero si ten compoñentes xenéticos. Diversos estudos mostran que se trata dunha enfermidade complexa na que interactúan moitos factores, como a xenética, o sexo, a contorna e a xeografía.
Tendencia crecente
Nas últimas tres décadas, a prevalencia global da EM aumentou. Estímase, segundo Rare Disease Advisor, que entre 1990 e 2016 a taxa de prevalencia aumentou nun 95%. Os rexistros por país mostran que, nalgúns países, os casos duplicáronse dende o 2013. Este aumento no número de casos puido producirse por varios factores, como a existencia de mellores métodos de reconto a nivel nacional e mundial, ademais de perfeccionar o diagnóstico, aumentar a poboación mundial e mellorar a esperanza de vida das persoas con EM grazas aos tratamentos.
Non obstante, a nivel global non hai indicios dunha tendencia cara un diagnóstico máis precoz. No 2013, a idade media de diagnóstico era entre 20 e 44 anos. No 2020, a idade era entre 20 e 50 anos.
Perfís demográficos e grupos de risco
A EM diagnostícase habitualmente entre os 20 e os 40 anos, afectando sobre todo a mulleres. De feito, dúas de cada tres persoas diagnosticadas son mulleres. Non se coñece claramente a orixe desta realidade, pero segundo Rare Disease Advisor pode asociarse con factores ambientais como os cambios de hábitos de fumar entre as mulleres, o uso de anticonceptivos orais…
Por outra banda, segundo a MS International Federation, estímase que hai uns 30.000 nenos, nenas e adolescentes diagnosticadas con EM no mundo, cunha prevalencia de 1,49 casos por cada 100.000 habitantes. Isto sitúa a Esclerose Múltiple pediátrica como unha enfermidade rara. Sobre os tipos de EM, de cada 100 persoas, 85 teñen a forma remitente, 12 a progresiva e 3 formas menos frecuentes.
En canto aos factores de risco de desenvolver EM son a idade, o haplotipo HLA, o sexo feminino, os antecedentes familiares, as infeccións por virus como o Epstein-Barr, a ascendencia caucásica, o clima temperado, a deficiencia de vitamina D, outras enfermidades autoinmunes, o tabaquismo…
Segundo a 3ª edición do Atlas de EM, no 2023 había aproximadamente 2,9 millóns de persoas con EM no mundo, fronte aos 2,8 millóns no 2020.
A prevalencia global é de 36 casos por cada 100.000 habitantes.
Segundo o Atlas, cada día diagnostícase un caso cada 5 minutos (é dicir, máis de 250 casos novos cada día) a nivel mundial.
A idade media de diagnóstico a nivel mundial é arredor dos 30 anos. Hai unha baixa incidencia na infancia e adolescencia de só entre o 2% e o 5% dos casos totais, igual que só entre o 5% e o 10% dos casos son diagnósticos tardíos, asociados normalmente a formas progresivas.
Sobre os tipos de EM, arredor dun 80% son EMRR, sobre o 10% EMSP e sobre o 10% EMPP.
Variacións internacionais
No ano 2020, os países con maior prevalencia de EM eran os seguintes:
- Dinamarca: 301 casos por 100.000 habitantes.
- Alemaña: 300 casos por 100.000 habitantes.
- Canadá: 290 casos por 100.000 habitantes.
- Estados Unidos: 288 casos por 100.000 habitantes.
- Noruega: 255 casos por 100.000 habitantes.
- Finlandia: 219 casos por 100.000 habitantes.
- Italia e Suecia: 215 casos por 100.000 habitantes.
- Islandia: 212 casos por 100.000 habitantes.
Polo xeral, as maiores prevalencias danse nos países que se atopan en latitudes máis afastadas do ecuador. As zonas con máis prevalencia son América do Norte, norte de Europa e Australasia. As zonas intermedias son o sur de Europa e partes de Sudamérica. E as zonas con prevalencias baixas son Asia, África e as rexións ecuatoriais e tropicais. Este incremento da prevalencia reportada pode deberse en parte ás melloras diagnósticas, a un maior acceso aos especialistas e a terapias máis efectivas.
- Europa presenta unha das taxas de prevalencia máis elevadas do mundo, con 143 casos por cada 100.000 habitantes.
- En Europa hai arredor de 1,2 millóns persoas diagnosticadas de EM, é dicir, un 41,4% dos casos mundiais están en Europa.
- A idade media do diagnóstico en Europa é entre os 30 e os 35 anos.
- En canto aos tipos de EM, en Europa o 80% dos casos son de EMRR, sobre o 10% son EMSP no momento do diagnóstico, e arredor do 10% EMPP.
- As rexións máis próximas ao Mediterráneo presentan taxas máis baixas e a EM é máis frecuente en persoas con ascendencia europea do norte. Esta elevada prevalencia pode deberse tamén a factores como mellores diagnósticos, tratamentos máis temperáns e avances nos rexistros que melloran a detección e a lonxevidade.
- Na actualidade, en España hai unhas 68.000 persoas diagnosticadas, en contraste coas 12.100 rexistradas no 2011.
- Cada ano diagnostícanse preto de 3.000 novos casos.
- A prevalencia é de 130 casos por cada 100.000 habitantes.
- Nos últimos 5 anos, o número de persoas con EM medrou preto dun 20%, o que se pode atribuir a un mellor diagnóstico e a unha maior supervivencia polo éxito das terapias.
- A idade media de disgnóstico en España rolda os 32 anos, e a maioría dos novos casos diagnostícanse a persoas entre 20 e 40 anos. Só arredor do 5% dos casos comezan antes dos 18 anos ou despois dos 50.
- En canto aos tipos de EM, o 85% dos casos iniciais son EMRR. Entre o 30% e o 50% das persoas con EMRR desenvolverán EMSP tras 10 ou 20 anos despois do diagnóstico. A EMPP representa entre o 10% e o 15% dos casos.
En canto a controlar a enfermidade estamos bastante preto, é posible que nunha década cheguemos a unha práctica parada da progresión da discapacidade na maioría de persoas con EM.
Xavier Montalbán, xefe de Neuroloxía do Hospital Universitario Vall d’Hebron e xefe do Cemcat en Barcelona
Variacións xeográficas
En España hai unha variación norte-sur ben clara. As taxas máis altas sitúanse no norte da península e as máis baixas no sur. Isto pode ter que ver coa situación xeográfica máis lonxe do ecuador, pero tamén coa capacidade diagnóstica e a concentración de unidades de referencia en cada comunidade.
As seguintes son as comunidades con prevalencias máis altas:
- Asturias: 149,6 por cada 100.000 homes. 229,5 por cada 100.000 mulleres.
- Madrid: 127,8 por cada 100.000 homes. 230,1 por cada 100.000 mulleres.
- Galicia: 115,7 por cada 100.000 homes. 205,1 por cada 100.000 mulleres.
- Castela e León: 104,9 por cada 100.000 homes. 247,1 por cada 100.000 mulleres.
- Aragón: 98,5 por cada 100.000 homes. 193,5 por cada 100.000 mulleres.
As zonas con menos prevalencia son:
- Castela-A Mancha: 29,3 por cada 100.000 homes. 88,9 por cada 100.000 mulleres.
- Extremadura: 49,6 por cada 100.000 homes. 135,1 por cada 100.000 mulleres.
- Baleares: 49,7 por cada 100.000 homes. 134,5 por cada 100.000 mulleres.
- País Vasco: 62,3 por cada 100.000 homes. 143,1 por cada 100.000 mulleres.
- Galicia é unha das comunidades autónomas con máis casos rexistrados de EM en España. Calcúlase que hai diagnosticadas unhas 4.500 persoas, o que supón un 6,6% das persoas diagnosticadas en España, cando a poboación total galega representa o 5,5% da poboación española. É dicir, a prevalencia é duns 166,3 casos por cada 100.000 habitantes.
- A Unidade de EM do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) diagnostica a unhas 30 novas persoas cada ano, con máis de 2.300 consultas e o seguimento dunhas 1.000 persoas.
- Non hai estudos recentes exactos sobre a EM en Galicia, pero pódese dicir que a EMRR é o tipo máis frecuente. Ademais, 2 de cada 3 persoas diagnosticadas son mulleres e a idade de diagnóstico sitúase entre os 30 e os 40 anos.
4.500 persoas diagnosticadas
O 6,6% das persoas diagnosticadas en España están en Galicia
2 de cada 3 persoas diagnosticadas son mulleres
Variacións xeográficas
Non hai un rexistro público específico con datos concretos sobre os casos de EM diagnosticados en Galicia. Non obstante, as zonas con maior prevalencia son:
- Ourense: 184,1 casos por cada 100.000 habitantes (a máis alta coñecida na Península Ibérica). A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco atende aproximadamente a 550 persoas con EM, das cales o 66% son mulleres.
- Ferrol: 109 casos por cada 100.000 habitantes (unha das máis altas da Península).
- Santiago de Compostela: 79 casos por cada 100.000 habitantes.
Táboa de datos
| Ámbito | Prevalencia | Persoas diagnosticadas | Idade media | Observacións | 
|---|---|---|---|---|
| Mundo | 36/100.000 | 2,9 millóns | 30 anos | 80% EMRR, 10% EMSP, 10% EMPP | 
| Europa | 143/100.000 | 1,2 millóns | 30-35 anos | 80% EMRR, 10% EMSP, 10% EMPP | 
| España | 130/100.000 | 68.000 | 32 anos | 85% EMRR, Norte con máis casos | 
| Galicia | 166,3/100.000 | 4.500 | 30-40 anos | EMRR máis frecuente, 2/3 mulleres | 
