Un hidroxel intelixente para reparar a mielina dende o nariz
No Laboratorio de Neurobioloxía e Terapias Avanzadas do Hospital Clínico San Carlos, o persoal investigador desenvolveu un avance científico para o tratamento de enfermidades neurolóxicas. Trátase dun hidroxel, un biomaterial intelixente que funciona como un vehículo protector para transportar células nai directamente ao cerebro. Así pode conseguir de reparar os danos causados por patoloxías desmielinizantes, como é o caso da Esclerose Múltiple (EM).
O papel da mielina e por que a perdemos
A mielina é unha capa protectora que recobre as neuronas. Funciona de xeito similar ao illante dun cable eléctrico. A súa presenza é fundamental para que os sinais nerviosos se transmitan de forma rápida e eficiente por todo o sistema nervioso.
Na EM e noutras enfermidades desmielinizantes, esta capa dánase, as neuronas quedan expostas e a comunicación entre elas falla. Por iso mesmo, prodúense síntomas físicos e cognitivos progresivos moi variados (fatiga, problemas de equilibro, entumecemento, dificultades na visión…). A investigación trata de buscar novas formas e tratamentos para xestionar estes síntomas. Tamén busca unha posible causa e cura. Pero de igual modo é importante frear estes efectos, o que supón conseguir a remielinización. Con este estudo e este hidroxel búscase axudar ao cerebro a xerar nova mielina para protexer de novo as neuronas.
Un vehículo intelixente protector das células nai
A terapia proposta polo persoal científico baséase no uso de células nai proxenitoras de oligodendrocitos. Estas son as células encargadas de fabricar a mielina unha vez que maduran. O gran desafío da ciencia ata agora era como facer que estas células chegasen vivas e en bo estado ao lugar da lesión.
Aquí é onde entra en xogo o hidroxel, que presenta as seguintes características:
- Termoxelificante: o material é líquido a temperatura ambiente, pero transfórmase nun xel sólido ao acadar os 37ºC do corpo humano.
- Biocompatible e seguro: é un material biodegradable e bioestable que non presenta toxicidade para as células, o que garante a súa seguridade terapéutica.
- Protección prolongada: grazas a este hidroxel, as células mantéñense vivas no interior do corpo durante polo menos 72 horas. Sen esta protección, moitas das células nai perderíanse antes de acadar o seu obxectivo no sistema nervioso central.
O desafío de chegar ao cerebro
Un dos aspectos máis innovadores deste estudo é o método de administración: a vía intranasal. O cerebro conta cunha protección natural chamada barreira hematoencefálica que impide o paso de moitas substancias e tratamentos. Porén, a combinación do hidroxel coas células permite superar esta barreira e chegar directamente ás zonas danadas.
Mediante o uso de técnicas de imaxe avanzadas, o equipo investigador puido comprobar que “as células administradas acadaron a zona lesionada, permanecendo na súa contorna e integráronse no tecido“, afirman.
Resultados esperanzadores en modelos animais
A eficacia deste novo sistema testouse en modelos experimentais con ratóns que padecían EM. Os resultados, segundo explica Ulises Gómez Pinedo, director do laboratorio, foron moi positivos:
- Recuperación da mielina: “aos 30 e 60 días do tratamento, os animais mostraron unha recuperación significativa da mielina, acadando niveis comparables aos de animais sans”, confirmou Gómez Pinedo.
- Redución da inflamación: observouse unha clara diminución da inflamación cerebral.
- Seguridade confirmada: os estudos de resonancia magnética non detectaron a formación de tumores, o que avala a seguridade deste procedemento, segundo afirma o director do laboratorio.
Aplicación noutras enfermidades neurolóxicas
Aínda que o estudo se centrou na EM, o potencial desta ferramenta é moito máis amplo. O doutor Gómez Pinedo sinala que esta estratexia “representa unha estratexia prometedora” que ofrece solucións menos invasivas e potencialmente máis eficaces. Nun futuro, este mesmo sistema de hidroxel e terapia celular podería adaptarse para tratar outras patoloxías como os ictus e glioblastomas, ou o Alzhéimer e a enfermidade de Párkinson.
Malia que estes resultados preclínicos son moi alentadores e proporcionan a base necesaria para preparar futuros ensaios clínicos en humanos, debemos ser cautos. O avance sitúase nunha fase de investigación que aínda debe superar diversas etapas de validación antes de converterse nun tratamento hospitalario de uso común, pero sen dúbida marca un fito na busca de terapias máis eficaces para reparar a mielina do noso cerebro.
