O impacto das graxas na inflamación e na Esclerose Múltiple
Os ácidos graxos son compoñentes esenciais das graxas que consumimos na dieta (1, 3, 4). Moitas veces asócianse só co aporte de enerxía, pero teñen un papel moito máis amplo. Sobre todo cando se trata de enfermidades como a Esclerose Múltiple (EM). É necesario coñecer que son os ácidos graxos, que tipos existen e como actúan no organismo para tomar decisións informadas sobre a alimentación saudable.
Que son os ácidos graxos
Os ácidos graxos son moléculas que forman parte da graxa dos alimentos. O corpo emprégaos para obter enerxía, construír as membranas celulares (incluídas as do sistema nervioso) e regular procesos como a inflamación e o funcionamento do sistema inmunitario.
As membranas celulares actúan como barreiras que protexen as células do corpo e permiten a comunicación entre elas. A súa estrutura depende, en gran parte, dos ácidos graxos (1, 4). Ademais, a partir destes, o organismo produce compostos con efectos tanto beneficiosos como prexudiciais para a saúde.
A maioría dos ácidos graxos poden ser sintetizados polo propio organismo. Porén, algúns non poden producirse e deben obterse necesariamente da dieta. Estes últimos son os denominados ácidos graxos esenciais, fundamentais para o correcto funcionamento do organismo (1, 4).
Saturación e flexibilidade
Os ácidos graxos poden ser saturados ou insaturados, dependendo de como se unen os átomos de carbono na súa estrutura.
- Saturados: non teñen dobres enlaces. Son rectos e compactos, o que fai as membranas celulares máis ríxidas.
- Monoinsaturados: teñen un dobre enlace (Omega-9), o que implica que son máis flexibles e teñen máis capacidade de adaptación.
- Poliinsaturados: teñen dous ou máis dobres enlaces (Omega-3 e Omega-6), sendo as graxas máis flexibles e activas.
A flexibilidade das membranas celulares é moi importante para unha boa comunicación entre as células, o correcto funcionamento e a adaptación ao cambio. Esta característica explica como os ácidos graxos inflúen na inflamación, o sistema inmunitario e a saúde do sistema nervioso.
Tipos de ácidos graxos
A elección das graxas que formarán parte da dieta inflúe na saúde. Sobre todo en enfermidades onde a inflamación e a resposta inmunitaria son importantes, como na EM (1, 2, 3, 4). O seu efecto na saúde depende do tipo de graxa, a cantidade, a calidade e o equilibro entre elas.

Ácidos graxos insaturados: beneficiosos
Os ácidos graxos insaturados teñen un ou máis dobres enlaces na súa estrutura. Isto confírelles unha maior flexibilidade e propiedades biolóxicas máis favorables (3, 4). Son beneficiosos e son os que habitualmente coñecemos como Omegas. Hai dous tipos: os monoinsaturados e os poliinsaturados (3).
1. Ácidos graxos monoinsaturados: Omega-9
O Omega-9 son unha familia de ácidos graxos insaturados non esenciais, xa que o organismo pode sintetizalos (3). Conteñen só un dobre enlace (3). Atópase en alimentos como o aceite de oliva vixe extra (AOVE), os aguacates, as abelás, as aceitunas, as améndoas…
Contribúen ao funcionamento das membranas celulares (1, 3), asócianse cun perfil inflamatorio máis favorable (2, 4) e presentan efectos neutros ou beneficiosos sobre a saúde cardiovascular (1, 5).
No contexto da EM, estes ácidos graxos forman parte de patróns considerados saudables, como a dieta mediterránea. Isto pode contribuír a unha contorna metabólica máis estable (6).
2. Ácidos graxos poliinsaturados: Omega-6 e Omega-3
Os ácidos graxos poliinsaturados son os que conteñen dous ou máis dobres enlaces. Inclúen ácidos graxos esenciais (os que hai que adquirir a través da dieta) e desempeñan un papel moi relevante na regulación da inflamación e do sistema inmunitario (1, 2, 4). Son o Omega-6 e o Omega-3.
Omega-6:
Os Omega-6 son unha familia de ácidos graxos poliinsaturados derivados do ácido linoleico, un ácido graxo esencial (1). Atópanse nas noces ou cacahuetes, nas sementes de xirasol, de cabaza ou de sésamo, no aceite de xirasol, millo ou soia… O Omega-6 ten as seguintes características:
- Son necesarios para o organismo.
- Algúns dos seus derivados poden dar lugar a mediadores proinflamatorios (2, 4).
- Un desequilibro na relación entre Omega-3 e Omega-6 asóciase con estados inflamatorios, o que na EM é preocupante (6), aínda que isto segue sendo obxecto de debate científico (4, 6).
Omega-3:
Os Omega-3 son unha familia de ácidos graxos poliinsaturados derivados do ácido alfa-linolénico, tamén esencial (1). Atópanse en alimentos como froitos secos, sementes, peixe azul graxo… As súas características son:
- Participan na produción de mediadores antiinflamatorios e resolutivos (2, 4).
- Contribúen a procesos de neuroprotección e modulan a resposta inmunitaria (2, 4).
- Na EM, os Omega-3 están sendo moi estudados polo seu posible efecto beneficioso. Pero a evidencia dispoñible é limitada e non é concluínte (6). Parece que poden axudar a reducir o dano neuronal e a inflamación, apoiar a reparación tisular e manter a funcionalidade da mielina (5, 6).
Ácidos graxos saturados: consumo moderado
Os ácidos graxos saturados non presentan dobres enlaces na súa estrutura química (1). Hainos vexetais e animais. Os animais están en carnes vermellas graxas, embutidos, queixos curados enteiros, manteiga, nata, casquería, ovos… Os vexetais no aceite de coco, de palma ou palmiste.
Teñen funcións estruturais e enerxéticas no organismo, pero é importante moderar a inxesta, xa que en exceso poden:
- Aumentar os marcadores de inflamación (2).
- Alterar o perfil lipídico (5).
- Incrementar o risco cardiovascular (5).
Na EM, un consumo elevado podería contribuír a unha contorna proinflamatoria, aínda que as evidencias aínda son limitadas (6).
Ácidos graxos trans: evitar o consumo
Os ácidos graxos trans son graxas insaturadas modificadas estruturalmente mediante procesos industriais como a hidroxenación parcial (1). Non teñen beneficios fisiolóxicos para a saúde, polo que se recomenda reducir o seu consumo ao mínimo posible ou evitalas (5, 6). Algúns dos seus efectos son:
- Aumentar a inflamación sistémica e o estrés oxidativo (2).
- Alteran negativamente o perfil lipídico (5).
- Incrementan o risco cardiovascular (5).
- Asócianse con disfunción endotelial (5), que é cando o endotelio (a capa de células que recobre os vasos sanguíneos) non funciona correctamente e non regula ben o ton vascular, non evita a formación de coágulos e non controla a inflamación.
Na EM, o seu consumo podería agravar os procesos inflamatorios implicados na enfermidade (6).
Ácidos graxos e inflamación
Os ácidos graxos da dieta inflúen nos procesos inflamatorios, xa que participan na estutura das membranas celulares e na produción de mediadores que regulan a resposta inflamatoria (1, 5).
O efecto final depende fundamentalmente do tipo de ácidos graxos consumidos e do seu equilibro na alimentación (1, 6).
As graxas con efectos antiinflamatorios son o Omega-3 e as graxas monoinsaturadas, que ademais modulan a resposta inmunitaria sen suprimila (6). Mentres que as que teñen un efecto proinflamatorio son as graxas saturadas, as trans e o Omega-6 cando está en desequilibro co Omega-3.
Ácidos graxos e Esclerose Múltiple
A Esclerose Múltiple é unha enfermidade autoinmune, inflamatoria do sistema nervioso central e neurodexenerativa. Neste contexto, os ácidos graxos da dieta poderían influír na regulación da resposta inmunitaria e na integridade do sistema nervioso (5, 6).
Os ácidos graxos forman parte das membranas celulares, tamén das células inmunitarias. Ademais participan na produción de mediadores que regulan a súa actividade (1, 5).
Na EM, onde o sistema inmunitario ataca ao sistema nervioso por erro, a nutrición pode favorecer unha resposta máis regulada. Ademais pode contribuír a reducir a inflamación e apoiar o control da enfermidade (6).
Cabe destacar tamén o papel da mielina. Esta é unha estrutura rica en lípidos que recobre as fibras nerviosas e que permite a correcta transmisión dos impulsos nerviosos. Os ácidos graxos son compoñentes esenciais desta estrutura e das membranas neuronais (5, 6).
Algúns ácidos graxos, especialmente os poliinsaturados, teñen un papel importante no mantemento da integridade das membranas neuronais (5, 6), a fluideza e funcionalidade da mielina (5) e a protección fronte ao dano oxidativo (6). Ademais, os ácidos graxos Omega-3 participan na formación de compostos con propiedades neuroprotectoras (6). Estes poden reducir o dano neuronal (6), limitar a inflamación a nivel de sistema nervioso central (5, 6) e favorecer mecanismos de protección e reparación tisular (6).
Na EM, onde se produce a desmielinización e o dano axonal, estes mecanismos resultan relevantes para apoiar a saúde neurolóxica.
A investigación científica
A investigación suxire que os ácidos graxos, especialmente os Omega-3, poden ter un papel beneficioso na EM, pero non son un tratamento por si mesmos (5, 6). Os estudos dispoñibles indican que unha maior inxesta de Omega-3 asóciase cunha redución dalgúns marcadores inflamatorios e coa modulación da resposta inmunitaria (5, 6). Parece ser que o equilibro entre o Omega-3 e o Omega-6 é máis importante que a cantidade en si dunha soa das graxas.
Os resultados son heteroxéneos e a evidencia non é concluínte aínda para establecer unhas recomendacións terapéuticas específicas (5, 6). As principais guías coinciden en que unha alimentación equilibrada, rica en graxas de perfil antiinflamatorio e aliñada con patróns como a dieta mediterránea, pode ser unha estratexia de apoio na abordaxe integral da EM (1, 6). Pero é importante sempre integrala no seguimento médico e nutricional.
Que priorizar, reducir e evitar?
Recoméndase priorizar graxas cun perfil antiinflamatorio ou neutro, que contribúan a unha contorna metabólica máis favorable e ao mantemento da función neurolóxica (1, 5, 6). Os que se recomenda consumir son os ácidos graxos Omega-3 e os ácidos graxos monoinsaturados.
Dende logo, non se trata de eliminar completamente as graxas. Hai que reducir aquelas que, cando se consumen en exceso, asócianse cun perfil inflamatorio menos favorable (1, 5). Estes son os ácidos graxos saturados e o desequilibro entre o Omega-6 e o Omega-3.
E débense eliminar ou evitar na medida do posible os ácidos graxos trans pola súa falta de beneficios fisiolóxicos e os seus efectos adversos (5, 6).
Fontes:
- Martínez-González MA, et al. Efecto de los ácidos grasos sobre la inflamación. Nutr Hosp. 2015;32(3):[aprox. páginas]. Disponible en: https://scielo.isciii.es/pdf/nh/v32n3/54originalotros04.pdf
- Rodríguez-Rodríguez E, et al. Grasas dietéticas y salud. Rev Salud Aliment Nutr. 2023;22(1):25-32. Disponible en: https://docs.bvsalud.org/biblioref/2023/03/1416624/rsan_22_1_25-32.pdf
- Simopoulos AP. Importancia de los ácidos grasos en la salud. Nutr Hosp. 2012;27(1):[aprox. páginas]. Disponible en: https://scielo.isciii.es/pdf/nh/v27n1/07_revision_06.pdf
- Valenzuela A, et al. Ácidos grasos y salud cardiovascular. Rev Chil Nutr. 2008;35(3):[aprox. páginas]. Disponible en: https://www.scielo.cl/scielo.php?pid=S0717-75182008000300001&script=sci_arttext&tlng=pt
- Calder PC. Fatty acids and inflammation. Am J Clin Nutr [Internet]. 2015 [citado 26 Mar 2026];102(Suppl):[aprox. páginas]. Disponible en: https://pmc.ncbi.nlm.nih.gov/articles/PMC4234734/
- Calder PC. Omega-3 fatty acids and inflammatory processes. Am J Clin Nutr. 2015;[aprox. volumen]:[aprox. páginas]. Disponible en: https://www.sciencedirect.com/science/article/abs/pii/S0002934314009139
- Nutr Hosp. Dieta y procesos inflamatorios. Nutr Hosp. 2023;40(2):[aprox. páginas]. Disponible en: https://scielo.isciii.es/scielo.php?pid=S2254-28842023000200001&script=sci_arttext&tlng=en
- https://esclerosismultiplegalicia.org/index.php/2026/02/11/inflamacion-e-estres-oxidativo-na-esclerose-multiple/
