FEGADEM é declarada como entidade de utilidade pública pola Xunta de Galicia
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) foi creada no ano 2011 para dar resposta á necesidade de contar cun organismo que comprendera ás asociacións galegas de Esclerose Múltiple (EM). A Federación conta con cinco asociacións membro para dar servizos directos ás persoas con EM galegas e as súas familias.
Tras unha traxectoria centrada na sensibilización, a acción institucional, novas campañas e novos servizos, este 2025 a Xunta de Galicia declarou a FEGADEM como entidade de utilidade pública.
A traxectoria de FEGADEM
A Federación foi creada no 2011 con motivo dunha reunión celebrada por representantes das cinco entidades galegas de EM. Estas son ACEM A Coruña, ACEM Santiago, ALUCEM, AODEMPER e AVEMPO. As súas accións comezaron por facer coñecer ás administracións a necesidade de respaldar este movemento asociativo.
Os seguintes anos realizáronse accións de sensibilización e divulgación, que poden consultarse na nosa páxina Traxectoria. O 2017, tras avanzar na profesionalización da Federación, creouse o Plan Estratéxico. Neste recollíanse os principios fundamentais de FEGADEM e fomentáronse novos convenios de colaboración con outros organismos e administracións públicas.
Nos últimos anos, dende FEGADEM creáronse guías informativas, Xornadas de Esclerose Múltiple, campañas de captación de fondos… Foi no 2019 cando se avanzou no Proceso Asistencial Integrado (PAI) co Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Este documento é fundamental e contén claves sobre a EM, datos importantes, fases, actividades, estudos, analíticas…
A actualidade
Na actualidade, FEGADEM presta servizos ás persoas con Esclerose Múltiple galegas e ás súas familias a través das súas entidades membro. Conta tamén cos seus propios servizos, ofrecidos tanto para as persoas como para as súas asociacións. Xestiona e deriva casos ao seu servizo de asesoramento xurídico, ofrece espazos como o grupo de apoio online para persoas con EM, coordinado por unha psicóloga especializada… Conta tamén co servizo de traballo social para atender a todas as cuestións que teñan as persoas e familias.
Ademais, continúa coa súa labor de sensibilización a través de accións como realización de documentais divulgativos. Créanse tamén contidos para a web e as redes sociais ou elabórase e envíase un boletín informativo mensual. Difúndense tamén ofertas de emprego para persoas con discapacidade a través do seu boletín semanal, entre outras accións.
Declarada entidade de utilidade pública
Este ano 2025, a Xunta de Galicia declarou a FEGADEM como entidade de utilidade pública tras demostrar a súa importante labor na comunidade con EM galega.
Este recoñecemento supón unha gran satisfacción para a Federación, tras todo o seu traballo e o compromiso coa transparencia, a inclusión e a calidade dos servizos que ofrece.
Doazóns
Grazas a obter o certificado de utilidade pública, dende agora todas as persoas ou entidades que realicen doazóns a FEGADEM poderán beneficiarse de deducións fiscais na declaración da renda ou do imposto de sociedades.
Doa a FEGADEM a través dunha transferencia ao seguinte número de conta: ES18 2100 5753 0502 0011 2612.
Colaborarás con mellorar a calidade dos nosos servizos, a aumentar os nosos recursos para favorecer unha mellor calidade de vida para as persoas con Esclerose Múltiple galegas e as súas familias.
