FEGADEM pon en marcha a campaña Asociarte tamén é Coidarte
A Esclerose Múltiple é unha enfermidade neurodexenerativa, cambiante e chea de incertidume. Pero hai algo que sabemos dende FEGADEM e as nosas entidades: ninguén debería atravesar este camiño en soidade. Acompañamento, información, rehabilitación, apoio emocional e acceso a terapias especializadas son algúns dos beneficios que aportan as asociacións para mellorar a calidade de vida das persoas con EM e das súas familias.
Por iso, este 2025 lanzamos a campaña “Asociarte tamén é Coidarte”, unha iniciativa en rede das asociacións galegas de Esclerose Múltiple coordinada porla Federación Galega de Esclerose Múltiple. O noso obxectivo é animar ás persoas con EM, ás súas familias e ao seu entorno a formar parte dunha entidade asociativa, porque cando te asocias, non só accedes a recursos valiosos: constrúes unha comunidade.
Por que é importante asociarse?
As entidades de Esclerose Múltiple son espazos que empoderan, acompañan e sosteñen. Cada persoa que entra por unha porta recibe apoio, pero tamén o aporta a outras persoas que están nunha situación similar á súa.
Apoio profesional especializado
As asociacións contan con profesionais de referencia que ofrecen, entre outros servizos:
- Terapias de rehabilitación
- Atención psicolóxica
- Programas de estimulación cognitiva
- Acompañamento social
- Orientación sobre recursos, dereitos e trámites
- Actividades para coidar o corpo e a mente
Espazos onde sentirse comprendido/a
Compartir experiencias con persoas que están a atravesar situacións similares pode axudar a reducir a ansiedade, a incertidume e a sensación de illamento.
Participación activa e impacto social
Cando te asocias, contribúes a facer visible a realidade da EM e a impulsar actividades e accións que melloran o benestar da túa comunidade e defenden os vosos dereitos.
Corresponsabilidade e futuro
Un movemento asociativo forte, que se consigue grazas a todas as socias e socios, permite aumentar servizos, avanzar en dereitos e gañar recoñecemento social.
A campaña “Asociarte tamén é Coidarte”
Do 14 de novembro ao 18 de decembro, as asociacións galegas informaremos sobre a importancia de formar parte dunha entidade. Testemuñas, vídeos e materiais creados polas asociacións servirán para difundir unha idea:
Asociarte é Coidarte
Porque asociarte transforma vidas (non só a túa). Crea unha rede e favorece os coidados de un/ha mesmo/a e das persoas que temos arredor.
O 18 de decembro, Día Nacional da Esclerose Múltiple, haberá un acto especial para pechar a campaña e celebrar este día.
Súmate á campaña
A Esclerose Múltiple en moitos casos leva consigo incertidume, pola gran diversidade de síntomas que pode causar e polos brotes. Isto pode desgastar ás persoas que a teñen e a familias, e as asociacións ofrecen algo que non se pode substituír por búsquedas en internet nin consultas puntuais: un acompañamento continuo, humano e profesional.
Por isto mesmo, se tes Esclerose Múltiple, se algún/ha familiar ou persoa achegada recibiu o diagnóstico, ou se queres apoiar de forma directa unha causa que impacta a máis de 55.000 persoas en España, dá o paso:
Súmate á túa asociación local.
Forma parte. Participa. Acompaña.
O futuro constrúese en comunidade.
#AsociarteéCoidarte
