Aberto o prazo para solicitar as axudas da Xunta de Galicia para as persoas con ELA
A Xunta de Galicia abriu o prazo para solicitar as axudas para persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). A continuación, explicamos quen pode solicitalas, como facelo e que documentación é necesaria.
A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de solicitude das axudas destinadas a persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) ou cos seus fenotipos, a través da Consellería de Política Social e Igualdade. Esta convocatoria busca apoiar economicamente a estas persoas e as súas familias.
Neste artigo imos explicar quen pode solicitalas, como facelo e que documentación é necesaria.
Quen pode solicitar as axudas?
Poderán acceder a estas axudas caquera persoa física que cumpra todos os seguintes criterios:
- Ter 18 anos ou máis.
- Estar empadroado/a nalgún concello galego cunha antigüidade mínima de 6 meses antes da solicitude.
- Ter diagnóstico médico de ELA ou algún dos seus fenotipos (é dicir, as variantes da enfermidade).
- Ter recoñecida a situación de dependencia ou tela solicitada antes da presentación da axuda.
- Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia (non estar inhabilitado/a para recibir axudas públicas, estar ao día coas obrigas tributarias, etc).
Obxectivo da axuda
A finalidade desta subvención é conceder unha axuda económica directa para mellorar a calidade de vida das persoas con ELA, recoñecendo a súa situación de dependencia e as necesidades que derivan de vivir con esta enfermidade neurodexenerativa.
Prazo de solicitude
- Inicio: 16 de xullo de 2025
- Fin: 3 de novembro de 2025 ás 23:59 horas.
Onde e como presentar a solicitude
Preferentemente presentarase de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/es/detalle-procedemento?codtram=BS215A&ano=2025&numpub=1&gateway=true . Será necesario dispoñer de certificado dixital ou Chave365.
Opcionalmente pode presentarse de forma presencial en calquera rexistro ou lugar habilitado segundo a normativa vixente.
Documentación necesaria
Ademais do formulario da solicitude (Anexo I), hai que achegar o seguinte:
- Se corresponde, documento acreditativo da representación legal (modelo dispoñible na sede electrónica).
- Informe ou certificado médico oficial que acredite o diagnóstico de ELA.
- Se se solicita a adaptación da vivenda, achegar tamén:
- Memoria descritiva das adaptacións.
- Xustificación da súa necesidade.
Comprobación de datos
A Xunta comprobará automaticamente o seguinte:
- DNI da persoa solicitante e representante.
- Certificado de empadroamento.
- Grao e nivel de dependencia.
- Estar ao día coas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.
- Concesións previas de subvencións.
- Inhabilitacións vixentes para recibir axudas.
Se non autoriza esta consulta, deberá achegar os documentos directamente coa solicitude.
Prazo de resolución
A Xunta resolverá no prazo máximo de 1 mes. Se non hai resposta nese tempo, entenderase desestimada.
Para máis información
Podes acceder á solicitude e consultar máis información aquí: https://sede.xunta.gal/es/detalle-procedemento?codtram=BS215A&ano=2025&numpub=1&gateway=true
Recomendacións
- Podes consultar coas asociacións se tes dificultades para solicitar a axuda.
- Verifica que cumpras cos requisitos antes de comezar.
- Conserva sempre copia da solicitude e da documentación presentada.
Esta axuda é un dereito, non un favor. A dignidade e a calidade de vida tamén se garanten con medidas coma esta.
