Unha investigación busca diminuír a fatiga na Esclerose Múltiple cun medicamento experimental
O Servizo de Farmacia Hospitalaria do Hospital Universitario Virxe Macarena, de Sevilla, foi autorizado para comezar a fabricar un medicamento que se empregará de forma experimental para reducir a fatiga na Esclerose Múltiple.
O Servizo de Farmacia do Hospital Universitario Virxe Macarena de Sevilla foi recentemente autorizado pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) para a fabricación dun medicamento experimental destinado a un ensaio clínico multicéntrico. Esta investigación ten como obxectivo avaliar a eficacia e seguridade do cromoglicato disódico na redución dun dos síntomas máis frecuentes da Esclerose Múltiple (EM): a fatiga.
Un avance na loita contra a fatiga da EM
A Esclerose Múltiple (EM) é unha enfermidade autoinmune, inflamatoria e dexenerativa que afecta ao sistema nervioso central. A súa evolución pode provocar síntomas que afectan á calidade de vida das persoas que viven con ela. Entre estas persoas, a fatiga é unha das manifestacións máis comúns e actualmente non existen tratamentos específicos e eficaces para combatila.
O fármaco experimental producido no Hospital Virxe Macarena busca ofrecer unha nova esperanza para as persoas con EM. Grazas a esta autorización da AEMPS, o servizo de farmacia do hospital fabricará máis de 150.000 cápsulas, asegurando que o medicamento cumpra cos altos estándares de calidade e poida ser administrado de maneira segura aos e ás participantes do estudo.
Compromiso coa ciencia e a mellora da calidade de vida
A participación do Hospital Virxe Macarena nesta investigación independente pon de manifesto a importancia da colaboración científica no avance do coñecemento e o desenvolvemento de novos tratamentos. O centro hospitalario contribúe coa súa infraestrutura e medios técnicos, e reforza o seu compromiso coa mellora da calidade de vida das persoas con EM, tanto no presente coma no futuro.
Dende FEGADEM valoramos e apoiamos este tipo de iniciativas que demostran que a investigación é clave para atopar novas solucións terapéuticas que axuden ás persoas con EM a mellorar o seu benestar e autonomía. Seguiremos apostando pola ciencia como ferramenta fundamental para avanzar no tratamento, diagnóstico e xestión desta enfermidade.
A investigación é o camiño cara un futuro cunha mellor calidade de vida para as persoas con EM. Sigamos avanzando xuntas!
Fonte da información aquí.
