Consellos EM: Combater a calor con Esclerose Múltiple
Consellos propostos por FEGADEM para combater a calor cando se ten EM.
Achégase o verán e con el veñen as temperaturas altas. Dende FEGADEM queremos contar algúns consellos e algunha información para as persoas con Esclerose Múltiple (EM) sobre as temperaturas extremas, tanto frías como cálidas.
Un dos posibles efectos da EM no corpo é provocar que os nosos organismos non desenvolvan as respostas físicas necesarias para manter regulada a temperatura corporal, como a suor ou os calafríos. Isto, combinado con que as temperaturas extremas afectan á velocidade na que viaxan os impulsos nerviosos polos nervios, provoca que o exceso de calor ou de frío sexan factores de risco para as persoas con EM.
Cando hai un exceso de temperatura, o corpo normalmente indicarao de diversas formas, dependendo da persoa e do momento. Pero cabe destacar que estes síntomas soen ser temporais e non soen producir danos permanentes no Sistema Nervioso. En canto a temperatura volva á normalidade, os efectos desaparecerán. Estes poden ser:
– Visión borrosa
– Aumento da fatiga
– Tremores
– Debilidade muscular
– Dificultades cognitivas, como falta de concentración
– Entumecemento das extremidades
Para combater a calor que está por vir no verán, dende FEGADEM propoñemos varias estratexias que vos poden resultar útiles.
– Aire acondicionado: prende o teu aire acondicionado durante os períodos de máis calor. Tamén pode controlar o grao de humidade no caso de que esta sexa alta.
– Emprega roupa axeitada: hai roupa que protexe da calor excesiva, como os panos de tea ou as camisetas interiores. Ademais, podes empregar roupa frouxa que permita a circulación do aire e/ou prendas refrixerantes.
– Bebidas frías: bebe refrescos ou bebidas frías durante os períodos de máis calor.
– Emprega un ventilador: sobre todo á hora de realizar exercicio no interior, é útil empregar un ventilador.
– Practica natación: como xa comentamos na nosa publicación de “Consellos para facer exercicio”, a natación é un deporte moi beneficioso en moitos aspectos. Se fai calor, é o deporte perfecto para regular a temperatura, sempre e cando se realice en augas frías (de menos de 30ºC).
Lembra que se estás programando unhas vacacións para este verán, pensar nas temperaturas e o clima do teu lugar de destino é algo prioritario, como xa explicamos na nosa publicación de “Consellos para viaxar con EM”.
Se queres saber algo máis sobre como a calor afecta ás persoas con Esclerose Múltiple e como combatelo, consulta a web de Fundació Esclerosi Múltiple, onde teñen un artigo adicado a isto.
Se tes calquera dúbida sobre como afrontar a calor, que deportes deberías practicar ou en que aspectos pensar á hora de organizar unha viaxe no verán, contacta cos teus médicos e profesionais que te acompañan. Podes entrar en contacto con algunha das nosas asociacións membro: ACEM Santiago, ACEM Coruña, AVEMPO en Vigo, AODEMPER en Ourense ou ALUCEM en Lugo.
