FEGADEM e o Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia asinan un convenio marco de colaboración
O convenio busca poñer en marcha medidas e puntos de defensa comúns.
O documento recolle a elaboración dunha guía sobre a abordaxe da Esclerose Múltiple.
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) e o Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia (COTOGA) asinaron o pasado 24 de xullo na sede do COTOGA un convenio marco de colaboración que busca poñer en marcha medidas e puntos de defensa comúns, así como para a elaboración dunha guía sobre a abordaxe da Esclerose Múltiple onde xunto a outras disciplinas, poida a disciplina representada polo Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia aportar a súa visión e recomendar pautas de intervención.
A presidenta de FEGADEM, Rosa María Villar Cordovés, e a presidenta do colexio Andrea Alonso Cadavid, ratificaron este convenio que permitirá fomentar o intercambio de información e apoio técnico no eido da Atención Integral, sobre as necesidades do colectivo das persoas afectadas por Esclerose Múltiple, as súas familias e/ou referentes, así como por outras enfermidades neurodexenerativas, á vez que promover as alianzas oportunas para o deseño e desenvolvemento de programas e proxectos conxuntos que cumpran cos obxectivos estratéxicos de ambas entidades.
En Galicia, hai arredor de 3.000 persoas con Esclerose Múltiple, polo que se trata dunha das comunidades autónomas con maior incidencia no conxunto do Estado, e unha adecuada atención psicolóxica é fundamental para proporcionar unha mellor calidade de vida ás persoas afectadas.
