FEGADEM, entre as entidades seleccionadas no ‘Programa Más Social’ da Fundación Barrié
O equipo técnico da entidade foi seleccionado para participar no Programa Formativo avanzado e no servizo de community manager.
O eixo da convocatoria Más Social 2018-2019 oriéntase fundamentalmente a reforzar a comunicación externa das organizacións non lucrativas.
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) foi unha das 45 entidades sociais galegas seleccionadas no ‘Programa Más Social Comunicación’ posto en marcho pola Fundación Barrié para fortalecer a comunicación externa das entidades do Terceiro Sector.
No caso de FEGADEM, o equipo técnico da entidade foi seleccionado para participar no Programa Formativo avanzado para mellorar as habilidades de xestión da comunicación da entidade cara a un enfoque máis profesional e por obxectivos e para capacitar ao equipo en competencias técnicas avanzadas para a creación e publicación de contidos de carácter social de gran impacto visual.
Doutra banda, o responsable de comunicación de FEGADEM será formado no servizo de community manager, cun proceso de mentoring de 6 meses de duración (8 horas/mes) enfocado a dar a coñecer e practicar as funcións de Community Manager, a través do acompañamento experto, a transferencia de coñecementos e a aprendizaxe propia desde a proba e o erro.
Na actual convocatoria do ‘Programa Más Social Comunicación’ tamén foi seleccionada a Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM), entidade membro de FEGADEM, que participará no Programa Formativo de iniciación.
O ‘Programa Más Social Comunicación’ foi presentado o pasado luns 14 de maio na sede da fundación na Coruña, nun evento no que FEGADEM presentou ás entidades sociais galegas a súa páxina web, posta en marcha grazas á convocatoria Máis Social 2017 da Fundación Barrié.
Programa ‘Más Social’
‘Más Social’ é un programa innovador da Fundación Barrié dirixido ao fortalecemento do Terceiro Sector, a través do cal, desde o ano 2011, facilita ás entidades sociais medios e estratexias dirixidas a optimizar a súa xestión e promover un modelo de acción social economicamente sustentable.
O eixo da convocatoria ‘Más Social’ 2018-2019 oriéntase fundamentalmente a reforzar a comunicación externa das organizacións non lucrativas, por entender que a comunicación ten un valor estratéxico na xestión das organizacións e que a súa planificación é fundamental non só para mellorar a maneira de chegar aos seus grupos de interese, senón tamén para obter o pleno recoñecemento do valor social e tamén económico que estas entidades achegan á sociedade.
