FEGADEM pasa á acción en 2018 tras a aprobación do seu plan de traballo
A entidade celebrou a súa Asemblea Xeral na sede de ACEM, na que se presentou a memoria económica do ano 2017 e foron aprobadas as liñas estratéxicas para este ano, así como o orzamento para levar a cabo as accións programadas.
A publicación de varias guías informativas, establecer contacto con entidades afíns, a celebración de eventos, ou un posicionamento claro ao redor de temas tan importantes como o recoñecemento do 33% de discapacidade, entre os proxectos para este ano.
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) celebrou o pasado luns 26 de febreiro a súa Asemblea Xeral Ordinaria na sede da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (A.C.E.M.), para asentar as bases do traballo que realizará a entidade ao longo do presente ano. Tras un 2017 de duro traballo no que FEGADEM conseguiu establecer unha base sólida tras renovar os documentos que regulan o funcionamento da entidade, establecer contactos con entidades e organismo polo beneficio das persoas afectadas por EM en Galicia e poñer en marcha a páxina web da entidade, neste 2018 toca pasar á acción.
Por iso, durante a asemblea, as persoas que a conforman deron luz verde ao Plan de Traballo para o 2018, que ten por obxectivo dar visibilidade á patoloxía en Galicia, así como ás persoas que a padecen e aos seus familiares/referentes, establecer contacto con entidades afíns así como organismos públicos e privados, e poñer en marcha un ambicioso Plan de Comunicación e visibilidade da entidade para chegar ás persoas afectadas e á sociedade en xeral.
Coa aprobación do Plan de Traballo, que leva da man a aprobación do orzamento para este exercicio, FEGADEM poñerá en marcha varias accións ao longo do ano como a publicación de varias guías informativas sobre a patoloxía e os servizos que ofrecen as asociacións, a celebración de eventos de visibilidade e recadación de fondos, ou un posicionamento claro ao redor de temas tan importantes como o recoñecemento do 33% de discapacidade directamente co diagnóstico de Esclerose Múltiple ou o importante papel que xoga o asociacionismo na loita para a consecución de dereitos e mellora dos servizos que ofrecen as entidades membro.
FEGADEM pisa así o acelerador en 2018 para chegar non só ás persoas afectadas por Esclerose Múltiple, senón tamén a todos os axentes que forman parte da abordaxe da patoloxía e á sociedade en xeral. En Galicia son máis de 3.000 as persoas que padecen esta patoloxía, polo que a presenza da entidade vólvese imprescindible. Como reza o noso lema, ‘o camiño máis longo comeza dando o primeiro paso’. Este paso xa está dado, agora tocar pasar á acción cun obxectivo claro: mellorar a calidade de vida das persoas con EM e os seus familiares/referentes.
