Ourense enche o Teatro Principal para apoiar a Esclerose Múltiple
Cristina Maró conduciu a gala ‘Ourense Múltiple’ na que Alba Ferro, persoa con EM, presentou a súa curtametraxe ‘O tempo que conta’.
Trescentos ourensáns encheron o pasado venres 12 de xaneiro o Teatro Principal de Ourense para apoiar ás persoas con Esclerose Múltiple na primeira gala solidaria ‘Ourense Múltiple’, organizada pola Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple (AODEM).
“Tivemos un éxito inesperado e conseguimos dar visibilidade á nosa asociación”, celebra Susana Fernández, presidenta da entidade.
O evento, que foi conducido pola actriz e presentadora galega con Esclerose Múltiple Cristina Maró, colgou o cartel de cheo e conseguiu poñer no centro de atención o labor que desempeña a asociación ourensá de Esclerose Múltiple e outras patoloxías como a Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), Párkinson, Enfermidades Raras e outras enfermidades neurodexenerativas.
“Hai moita xente en Ourense que non sabe da existencia da asociación”, explica Fernández, que espera que a gala solidaria axudara a persoas afectadas por EM a dar o paso de achegarse ata AODEM. “Conseguimos o que queriamos: visibilidade”, asegura a presidenta de AODEM.
Durante a gala solidaria pasaron polo escenario os grupos Meiriño & Cid ‘Asocia2’, a Escola de Danza ‘Estilo libre, a Escola de danza ‘Catro Pasos’, a Escola de danza da Deputación de Ourense e o Centro deportivo ‘Moovett’.
‘O TEMPO QUE CONTA’
A gala ‘Ourense Múltiple’ serviu tamén para presentar ‘O tempo que conta’, unha curtametraxe realizada por Alba Ferro (socia de AODEM afectada de Esclerose Múltiple), no que distintos/as usuarios/as da entidade convidan a coñecer a mesma e a realidade das persoas que conviven cunha enfermidade crónica. E todo dende un prisma optimista sobre o afrontamento da patoloxía.
“Máis que un proxecto, presentei unha realidade que me toca en primeira persoa”, explica Ferro.
