FEGADEM reúnese coa Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade para trasladar as necesidades das persoas con EM e falar do futuro
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) mantivo unha reunión de traballo con Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. Reuníronse para presentar o traballo da Federación, dar a coñecer a realidade das entidades e trasladar as necesidades das persoas con Esclerose Múltiple (EM).
Durante a reunión, en FEGADEM expuxemos o traballo que desenvolvemos. Tamén o papel fundamental que desempeñan as asociacións federadas na atención, rehabilitación, orientación e acompañamento.
Un encontro para compartir as necesidades do colectivo
Abordáronse os principais retos aos que se enfrontan as persoas con EM. Fíxose fincapé na importancia de continuar impulsando recursos e políticas que favorezan a autonomía persoal, a inclusión social e a igualdade de oportunidades.
Así mesmo, trasladouse a situación actual das entidades membro de FEGADEM. Púxose en valor o seu traballo diario e analizáronse os desafíos que afrontan para garantir a continuidade dos servizos que prestan.
Presentación dos próximos proxectos de FEGADEM
A reunión tamén serviu para presentar algunhas das iniciativas e proxectos que FEGADEM desenvolverá nos próximos meses. Estes están orientados a seguir mellorando a calidade de vida das persoas con EM e a reforzar o movemento asociativo.
Entre as liñas de actuación destacan a sensibilización social, a defensa dos dereitos das persoas con EM e o fortalecemento das entidades. Tamén a promoción de iniciativas que contribúan a unha sociedade máis inclusiva.
Compromiso co diálogo institucional
Dende FEGADEM queremos agradecer a boa disposición da Directora Xeral. O seu compromiso para coñecer de primeira man a realidade das entidades e o colectivo. A colaboración das administracións públicas e da Xunta de Galicia para facer realidade os proxectos das asociacións é fundamental. Permite que continuemos avanzando na mellora da calidade de vida destas persoas e na defensa dos seus dereitos.
