Entidades de FEGADEM únense á campaña Baixo o Mesmo Paraugas o 3 de decembro
A campaña consistiu en varios actos en diferentes localidades galegas para celebrar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
O pasado 3 de decembro foi o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. A campaña Baixo o Mesmo Paraugas é un movemento social que reúne a máis de 100 asociacións de toda Galicia en actos en diferentes localidades para reivindicar os dereitos das persoas con discapacidade.
Colaboración das entidades de FEGADEM
Algunhas das entidades membro de FEGADEM participaron nestes actos, visibilizando a Esclerose Múltiple e as necesidades das persoas e familias que conviven con ela.
Dende a Federación seguimos loitando por unha maior visibilización e sensibilización da sociedade sobre a EM. Continuamos as nosas reivindicacións como o recoñecemento automático do 33% de discapacidade co diagnóstico.
Actos
As concentracións foron en lugares como A Coruña, Ourense, Vigo, Lugo, Cee e Pontevedra. Centos de persoas uníronse cos seus paraugas para seguir loitando por unha mellora da calidade de vida de todas as persoas e por unha sociedade máis inclusiva e accesible.
Lectura do manifesto
Este ano, o manifiesto de CERMI centrouse no dereito a unha vivenda accesible e digna, que é a base da autonomía. “Debemos vivir con dignidade. Somos diversos/as, non invisibles, e queremos participar de forma activa na sociedade”, expúxose durante o acto celebrado en Cee.
Dende FEGADEM confiamos nun maior apoio das administracións públicas para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade. Xuntas podemos marcar a diferenza para lograr vivir nunha sociedade máis inclusiva.
Queremos agradecer ás entidades que organizaron estes actos, en concreto ás nosas entidades membro que representaron ao colectivo de persoas con Esclerose Múltiple. Porque xuntas, somos máis fortes!
