Proceso Asistencial Integrado (PAI)

somdn_product_page

O proceso asistencial integrado (PAI) para a abordaxe das persoas con Esclerose Múltiple (EM) en Galicia é un plan de coidados interdisciplinar. Está baseado na evidencia e identifica a secuencia ideal de intervencións, fitos e resultados esperados para un grupo de persoas con EM.

O PAI de EM en Galicia é un primeiro paso para estandarizar os coidados, reducir a variabilidade inxustificada en cada Área Sanitaria e as inequidades no acceso á atención. O PAI ten en conta as necesidades das persoas con EM, a última evidencia dispoñible e o contexto sanitario e social presente en Galicia. Por tanto, o PAI de EM defínese para toda Galicia e a súa implementación deberá materializarse no ámbito local.

O documento describe a traxectoria que vive a persoa con EM, explorando cada unha das etapas polas que transcorre. Adicionalmente, inclúese a descrición das áreas de mellora que decidiu o grupo de traballo multidisciplinar que deben incorporarse en todas as áreas sanitarias de Galicia. Estas representan un impacto importante na mellora da atención das persoas con EM na comunidade autónoma.