A ‘X Solidaria’ favorecerá no 2024 a máis de mil persoas con Esclerose Múltiple en Galicia
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) pon a andar tres programas grazas ao cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF.
- A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) porá a andar tres programas grazas ao cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF
- A subvención posibilita a FEGADEM contratar a tres profesionais co fin de mellorar a calidade de vida das persoas galegas con EM: unha a xornada completa para a xestión e coordinación da entidade, outra a xornada parcial para a comunicación interna e externa da Federación e outra a xornada parcial para realizar labores de sensibilización e divulgación sobre a Esclerose Múltiple.
- As cinco entidades membro da Federación, grazas a esta axuda, poderán tamén manter e mellorar este 2024 os seus servizos psicosociais e rehabilitadores.
A ‘X Solidaria’ beneficia a máis de mil persoas con Esclerose Múltiple este ano en Galicia a través dos tres programas levados a cabo pola Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF.
Grazas a esta subvención, este 2024 FEGADEM ten en marcha o ‘Programa de información, orientación e asesoramento para mellorar a calidade de vida das persoas con EM’, que busca tratar as necesidades que presenta o colectivo a través da resolución de dúbidas sobre a Esclerose Múltiple e do apoio ás entidades membro, profesionalizando a propia Federación mediante a coordinación dos recursos que repercuten no beneficio de todo o colectivo e das asociacións federadas. Con este programa búscase achegar información e asesoramento que axude a mellorar a percepción da enfermidade e a súa abordaxe ás persoas afectadas, aos seus familiares e aos coidadores.
A subvención da Consellería de Política Social permite a FEGADEM poñer tamén en marcha o ‘Programa SéguEMe, EMociónate, compréndEMe, cando che digo que loitamos por ti’, que loita pola sensibilización e a divulgación entre a poboación xeral sobre as necesidades e a realidade das persoas con EM a través de campañas e materiais divulgativos e difusión de información veraz e práctica. Finalmente, FEGADEM pon a camiñar este 2024 o ‘Programa de comunicación ComunicatEM’, co que se persegue a profesionalización de FEGADEM a través da comunicación tanto interna como externa da entidade, xestionando as diversas redes sociais, a web e a comunicación cos medios. Este programa de comunicación fomenta a visibilización sobre a EM no eido dixital e a relevancia do asociacionismo.
Realizar estes tres programas é posible grazas ao cofinanciamento da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da convocatoria de concesión de subvencións destinadas a programas de interese xeral con fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.
QUE É FEGADEM?
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) promove o movemento social e asociativo da Esclerose Múltiple e outras enfermidades neurodexenerativas, desenvolvendo accións institucionais en defensa dos dereitos e intereses das persoas con EM, as súas familias e/ou referentes. FEGADEM agrupa ás cinco asociacións galegas de pacientes de Esclerose Múltiple: AVEMPO en Vigo, A.C.E.M en Santiago de Compostela, ACEM en A Coruña, ALUCEM en Lugo e AODEMPER en Ourense.
