As persoas con Esclerose Múltiple denuncian a desesperante espera para ter unha valoración da discapacidade
ACEM e AVEMPO súmanse á campaña #EsperayDesespera para reclamar maior celeridade na solicitude do recoñecemento de discapacidade e a posta en marcha dun novo baremo.
Baixo o lema #EsperaYDesespera, numerosas persoas agrupadas pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) denunciaron este martes fronte aos edificios onde se atopan os Equipos de Valoración e Observación da Discapacidade (EVO), a desesperante espera que milleiros de persoas levan vivindo desde hai anos por unha valoración a tempo e unha baremación actualizada.
Mediante a formación de filas de persoas que saían da porta principal dos EVO en Santiago de Compostela como en Lugo, Pontevedra e Vigo, COGAMI quixo simbolizar e denunciar as intolerables esperas que deben asumir as persoas con discapacidade para poder acceder aos seus dereitos, causados aos atrasos existentes, tanto na valoración do grao de discapacidade como na implantación do novo baremo da discapacidade.
Este acto, organizado con motivo do Día Nacional da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas, contou coa participación de representantes de numerosas entidades de toda Galicia, entre elas a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM Compostela) e a Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple (AVEMPO), xunto a persoas que permanecen á espera da súa valoración ou de que se renove o baremo actual, quen esixiu o fin desta situación.
Durante as intervencións, denunciouse que non recibir unha valoración ou unha revisión do grao de discapacidade a tempo, prexudica ás persoas con discapacidade no emprego, a educación, a accesibilidade, a saúde e tamén impide acceder a prestacións que compensan a desigualdade de oportunidades.
TEMPOS DE ESPERA VARIABLES SEGUNDO A COMUNIDADE E A CIDADE
Dependendo da Comunidade Autónoma, o tempo de espera é variable, pero mesmo dentro dun mesmo territorio ou unha mesma provincia, atopamos diferenzas notables ao respecto. Na mesma cidade, pódese atopar un tempo de espera medio de 11 meses e persoas que tardan ata 36 meses en conseguir ter a mesma valoración.
Nos casos máis graves detectados por COGAMI, COCEMFE (Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica) e o seu movemento asociativo, hai persoas que faleceron antes de ter a resolución, tendo que estar todo o tempo de espera sen recibir apoios no momento no que os precisaban. É importante concretar e apurar estes trámites para saber se as persoas con discapacidade van ter acceso ou non a certas medidas de apoio.
NOVO BAREMO DE DISCAPACIDADE
A todo isto, súmase o novo baremo da discapacidade, cunha espera que ascende a máis de 20 anos. É urxente poñer en marcha o novo baremo do grao de discapacidade, o cal foi acordado por organizacións, o Goberno e as Comunidades Autónomas.
