Paseando coa Esclerose, de ACEM, visibiliza a enfermidade dende unha mirada persoal
ACEM Coruña publica todos os venres, na súa canle de YouTube, un episodio da súa serie documental “Paseando coa Esclerose”, onde persoas con esta enfermidade falan das súas experiencias.
Este 2025, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM) lanza cada venres un capítulo da súa serie documental ‘Paseando coa Esclerose’ na súa canle de YouTube. Trátase de entrevistas realizadas en formato de paseo por A Coruña e os seus arredores. A serie ten como obxectivo dar voz ás persoas con Esclerose Múltiple (EM) e mostrar a diversidade de experiencias que implica vivir con esta enfermidade.
A serie documental
A serie está conducida por Olalla Rodríguez, unha nova integrante do equipo audiovisual de ACEM grazas aos programas de Cooperación da Xunta de Galicia. Ao longo de cada episodio, Olalla entrevista a persoas socias da entidade, as que comparten en primeira persoa as súas vivencias, retos e aprendizaxes. Aínda que hai síntomas que poden ser comúns, como a fatiga ou a perda de visión en fases temperás, a EM ten unha gran variedade de síntomas que son distintos segundo a persoa, polo que recibe tamén o nome de “a enfermidade das mil caras”.
Obxectivos de ACEM
Con estas entrevistas preténdese dar visibilidade á Esclerose Múltiple e servir como fonte de apoio para as persoas recén diagnosticadas. É un espazo de encontro e unha plataforma que ofrece ACEM no acompañamento a quen convive coa EM.
“Hai que falar sobre elo e compartir. E hai que vivir a vida! Que só lle damos valor cando a saúde falla”, di Ángel, un dos entrevistados.
Temáticas tratadas
Na serie abórdanse temas relacionados coa EM que están invisibilizados. Algúns destes son:
- A incontinencia.
- O elevado custe económico que implica a enfermidade para unha persoa dependente.
- Os problemas afectivos nas relacións sexuais.
- A dificultade para incorporarse ao mercado laboral.
- A burocracia para o recoñecemento da discapacidade.
- A necesidade dun diagnóstico temperán.
O paseo como medio
A elección dun paseo como escenario para as entrevistas non é casual. O exercicio físico, como camiñar, é beneficioso para todas as persoas, e máis para quen vive con EM. Un paseo propicia un ambiente máis relaxado e unha conversa próxima e distendida para poder falar de vivencias personais, soños, ilusións, logros…
Ao escoller diferentes localizacións para os paseos, a serie aproveita cada percorrido para poñer en valor patrimonio natural de A Coruña e os seus arredores, con escenarios como o paseo do río Mero en Betanzos ou o Miradoiro de San Pedro.
Non perdas os novos episodios cada venres e acompaña a ACEM neste percorrido polas historias de quen convive coa EM. Todos os venres!
Podes ver a serie aquí.
