A medicación e a Terapia Cognitivo-Condutual poden ser dúas estratexias para reducir a fatiga na Esclerose Múltiple
A combinación de medicación e Terapia Cognitivo-Condutual (TCC) ofrece unha posible solución para reducir a fatiga en persoas con EM, mellorando o seu benestar físico e psicolóxico.
A fatiga é un dos síntomas máis comúns para as persoas que viven o seu día a día coa Esclerose Múltiple (EM). Este síntoma afecta á súa calidade de vida, xa que a sensación de cansancio extremo pode interferir nas actividades básicas da vida diaria. Porén, un novo estudo suxire que a combinación entre a medicación e a Terapia Cognitivo-Condutual (TCC) pode ser unha solución efectiva para a redución deste síntoma.
Unha combinación de tratamentos
Segundo a investigación, combinar tratamentos farmacolóxicos con sesións de TCC mostrou unha mellora significativa na xestión da fatiga en persoas con EM. A TCC axuda ás persoas a cambiar a súa forma de enfrontarse á vida e de comportarse fronte á fatiga, aportando ferramentas que serven para afrontar mellor o esgotamento e as posibles limitacións que supón esta condición.
A medicación
Por outro lado, a medicación, sempre supervisada por profesionais da saúde, pode contribuír a aliviar outros síntomas asociados coa fatiga, como a dor ou os trastornos do sono. Isto repercute nunha mellora da enerxía e o benestar. Ademais, no estudo probaron a utilización de modafinilo, un fármaco que se utiliza para fomentar a vixilia en persoas con trastornos do sono.
Enfoque integral para a mellora da calidade de vida
Este enfoque combinado aborda os aspectos físicos e psicolóxicos da fatiga, permitindo un maior control sobre este síntoma. A implementación de estratexias personalizadas que combinen medicación e TCC pode axudar á mellora da calidade de vida das persoas con EM. É importante destacar que cada persoa é única, así que os tratamentos deben adaptarse ás súas necesidades espcíficas.
Fonte: Infosalus.
