FEGADEM asiste á entrega dos Premios Boas Prácticas da Deputación da Coruña
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) asistiu á entrega dos V Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais da Deputación da Coruña. Este evento recoñece ano tras ano o traballo das entidades sociais que impulsan a inclusión, a participación e a mellora da calidade de vida das persoas na provincia de A Coruña.
Na xornada estivemos acompañadas por ACEM Coruña, reforzando o compromiso de traballo en rede entre as entidades que traballamos no ámbito da Esclerose Múltiple (EM) e outras enfermidades neurodexenerativas.
Un recoñecemento ao traballo do Terceiro Sector
Os Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais son xa un espazo de referencia para visibilizar o traballo do tecido social da provincia de A Coruña. Poñen en valor iniciativas e proxectos que contribúen a construír unha sociedade máis xusta e inclusiva.
Dende FEGADEM agradecemos enormemente a aposta da Deputación de A Coruña por este tipo de encontros. Permítennos ás entidades do Terceiro Sector compartir experiencias, fortalecer redes e dar visibilidade ao noso traballo.
Noraboa ás entidades premiadas este 2026
Nesta edición, referida ao 2025, a Deputación da Coruña recoñeceu a diferentes organizacións polo seu labor en diferentes ámbitos:
- Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), no ámbito de familia e infancia.
- Fundación Érguete-Integración, en inclusión social.
- Aspronaga, por proxectos dirixidos a persoas maiores, con discapacidade ou en situación de dependencia.
- Asociación Contra el Cáncer, polo seu traballo no ámbito rural.
- Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos, polo seu percorrido e traxectoria.
- Fundación Hermanas Hospitalarias, na categoría de investigación.
- Ao xornalista Xosé Ameixeiras, Premio de Honra pola súa traxectoria como xornalista social.
Todas elas desenvolven un papel imprescindible para avanzar en dereitos, atención social e inclusión.
Traballo en rede para avanzar na visibilidade da EM
A participación neste tipo de espazos forma parte do compromiso de FEGADEM por seguir traballando en rede coas entidades sociais e administracións públicas, co obxectivo de:
- Dar visibilidade á Esclerose Múltiple.
- Defender os dereitos das persoas que conviven con esta enfermidade.
- Impulsar a súa inclusión social e a participación.
A celebración destes premios manifesta a importancia de impulsar políticas públicas e recoñecementos que reforcen o traballo do Terceiro Sector. Deste modo, débese dar resposta ás necesidades sociais e sanitarias da cidadanía.
Dende FEGADEM agradecemos á Deputación da Coruña o convite a este evento e o seu compromiso co fortalecemento do tecido asociativo. Tamén a ACEM Coruña polo seu traballo diario e acompañarnos nesta marabillosa xornada.
