Comprende o novo baremo de discapacidade, agora máis actualizado
Este novo baremo é unha nova maneira de avaliar os diferentes graos de discapacidade, actualizando termos na lexislación, tendo en conta a contorna para a avaliación e con novas maneiras de medir a discapacidade.
O Real Decreto 888/2022, aprobado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, actualiza os criterios de avaliación da discapacidade por primeira vez en máis de 20 anos. Este cambio permite aliñarse cos estándares internacionais e céntrase máis nos dereitos humanos. Este artigo desglosa as claves deste novo baremo e o que significa para as persoas con discapacidade en España.
Que é o grao de discapacidade?
O grao de discapacidade mide, en porcentaxe, as limitacións que unha condición de saúde xera na vida diaria dunha persoa. Esta porcentaxe é esencial para determinar o acceso a beneficios sociais, laborais e fiscais. Co novo baremo, as discapacidades clasifícanse en catro graos principais: leve, moderada, grave e total, baseándose no seu impacto na autonomía persoal.
Por que era necesario actualizar o baremo?
Os aspectos máis renovadores deste novo baremo e os que o fan necesario son os seguintes:
- Inclúe como a contorna afecta á discapacidade.
- Actualiza os conceptos da discapacidade. Por exemplo, ata o 2023 aparecían as palabras “retraso mental”, que xa fai moito que non se empregan.
- Inclúe novas formas de medir a discapacidade.
Este novo baremo parte de que a discapacidade é unha condición de saúde, comprendendo a saúde como un estado de benestar. Ademais mide as dificultades que ten unha persoa e que afectan ás súas actividades e a como participa nelas. Este novo baremo ten en conta a situación persoal e a contorna na que a persoa se relaciona. Por exemplo, se o barrio é accesible, se o posto de traballo é accesible…
Principais cambios no novo baremo
O novo sistema introduce criterios que reflicten mellor as condicións e necesidades individuais:
- Avaliación integral: incorpora aspectos médicos, sociais e ambientais, ofrecendo unha valoración máis completa, xa que se ten en conta a contorna.
- Dixitalización: facilítanse procesos a distancia, reducindo barreiras administrativas.
- Tramitación urxente: casos especiais, como enfermidades graves, violencia de xénero ou circunstancias humanitarias, priorízanse con prazos máis curtos.
Beneficios asociados
O recoñecemento do grao de discapacidade outorga acceso a axudas como:
- Económicas: pensións non contributivas e subsidios.
- Laborais: adaptación de postos e acceso a centros especiais de emprego.
- Sociais: descontos en transporte, axudas técnicas e acceso a programas de rehabilitación.
Avaliación baseada en baremos específicos
O novo sistema utiliza múltiples baremos que analizan distintos aspectos da discapacidade:
- Limitacións na actividade: avaliación do grao de dificultade para realizar actividades habituais.
- Restricións na participación: problemas na integración social e comunitaria.
- Barreiras ambientais: factores na contorna que dificultan a participación plena.
- Autocoidado e mobilidade: enfoque especial na capacidade para o autocoidado e o transporte.
Proceso de avaliación e prazos
O proceso de valoración realízase nos centros base das comunidades autónomas, cun enfoque multidisciplinario que considera a historia clínica, exploración física e factores ambientais. A resolución debe emitirse nun prazo máximo de seis meses, reducido a tres en casos de tramitación urxente.
Impacto do novo baremo
Con 4,38 millóns de persoas con discapacidade en España, este novo baremo supón un paso cara a inclusión, recoñecendo as capacidades diversas da poboación e asegurando unha distribución equitativa de recursos e dereitos.
Normativa aplicable
O Real Decreto 888/2022 é a base normativa para este novo sistema, que redefine os procedementos de recoñecemento e calificación da discapacidade.
Este avance reforza o compromiso cos dereitos humanos e a igualdade de oportunidades, marcando un antes e un despois na maneira na que España aborda a valoración da discapacidade.
Tes preguntas sobre o novo baremo?
Algunhas preguntas frecuentes son:
- Se xa teño recoñecida a discapacidade, teño que volver medila con este novo baremo?
Non, non é necesario volver medila.
- Se aínda non teño medida a discapacidade pero teño a cita pendente, van aplicar este novo baremo?
Si. Se pediches medir a discapacidade antes deste novo baremo e aínda tes a cita pendente, medirase co novo baremo.
Fontes de información:
Nuevo baremo de discapacidad: Actualización en los grados – discapnet, Fundación ONCE
