FEGADEM beneficiou a 1.514 persoas este 2025 grazas á ‘X Solidaria’ a través de 11 programas sociais
- A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) xestionou 11 programas e investimentos este 2025, dos cales 8 foron executados polas entidades membro e 4 pola Federación, grazas ao confinanciamento da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF.
- Esta subvención permitiu a FEGADEM seguir contratando a 3 profesionais: unha educadora social, unha técnica de comunicación e unha traballadora social.
- Grazas a estes fondos, a Federación executou un programa de información, orientación e asesoramento; outro de comunicación e sensibilización, e outro de apoio ás persoas con Esclerose Múltiple (EM). Ademais, adquiriu material para continuar mellorando a calidade de vida das persoas con EM.
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM), beneficiou este 2025 a 1.514 persoas grazas aos seus programas cofinanciados pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IPRF, procedentes das persoas que marcaron o cadro de ‘Actividades de interese xeral consideradas de interese social’ na declaración da renda.
FEGADEM, grazas a esta axuda, xestionou 11 programas este 2025, dos cales 8 foron executados polas entidades membro e 4 pola propia Federación. Esta continuou cos seus programas de información, orientación e asesoramento para mellorar a calidade de vida das persoas con EM; ComunícatEM, un programa de sensibilización e comunicación na EM, e o programa de apoio ás persoas con EM. A finalidade destes programas é seguir mellorando a calidade de vida das persoas con EM en Galicia e as súas familias, así como detectar as súas necesidades e sensibilizar sobre esta condición. Estes programas beneficiaron a 1.514 persoas de toda Galicia e ás 5 entidades membro, e permitiron a contratación de 3 profesionais.
A través destes programas, FEGADEM realizou actividades de sensibilización, orientou e apoiou ás persoas con EM e ás familias que o precisaron ofrecendo diversos servizos e derivando ás asociacións que corresponderan, e xestionou o traballo en rede coas entidades membro. Tamén adquiriu material para seguir mellorando a calidade de vida das persoas con EM.
QUE É A ESCLEROSE MÚLTIPLE
A Esclerose Múltiple é unha enfermidade crónica, autoinmune e neurodexenerativa que afecta ao Sistema Nervioso Central. Están diagnosticadas máis de 60.000 persoas en España e a arredor de 4.500 en Galicia. Non ten cura, pero existen tratamentos farmacolóxicos e rehabilitadores que poden axudar a mellorar a calidade de vida. Os síntomas son moi variados, polo que recibe o nome da ‘enfermidade das mil caras’.
QUE É FEGADEM
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) creouse no 2011 como resultado dunha reunión de representantes das asociacións galegas de Esclerose Múltiple na que decidiron constituírse nunha Federación. Traballa para garantir a calidade de vida das persoas que conviven con esta enfermidade e as súas familias, con actividades de sensibilización, servizos de orientación e asesoramento, e defensa dos dereitos destas persoas. Ten a sede en Santiago de Compostela e traballa de forma coordinada coas asociacións ACEM Coruña, ACEM Santiago, ALUCEM, AODEMPER e AVEMPO para chegar ás catro provincias galegas.
