A alimentación e a Esclerose Múltiple, unha aproximación
A Esclerose Múltiple (EM) é unha enfermidade inflamatoria e autoinmune. O sistema inmunolóxico actívase de forma desregulada e a inflamación crónica de baixo grao xoga un papel importante na progresión da enfermidade. Se queres saber máis sobre a EM, consulta o apartado Esclerose Múltiple da nosa web.
Non ten cura, pero existen tratamentos que axudan a controlar os síntomas e a progresión da discapacidade. A alimentación nunca substitúe ao tratamento médico, pero si é unha ferramenta importante dentro dunha abordaxe integral da enfermidade.
Por que a alimentación é importante na EM
Unha alimentación adecuada pode contribuír a:
- Reducir a carga inflamatoria.
- Correcto funcionamento do sistema nervioso.
- Favorecer o equilibro do sistema inmunolóxico.
- Regular a resposta inflamatoria e autoinmune do corpo, influíndo directamente en procesos relacionados coa EM como o estrés oxidativo, a saúde intestinal ou o estado da microbiota.
Microbiota intestinal
A microbiota intestinal cumpre funcións esenciais na modulación do sistema inmunolóxico, a produción de metabolitos con efecto antiinflamatorio e a integridade da barreira intestinal. Unha alimentación desequilibrada pode alterar ese ecosistema e favorecer estados de inflamación persistente, mentres que unha dieta rica en alimentos non ultraprocesados, fibras e graxas saudables contribúe ao seu equilibro.
O estrés oxidativo
Asimesmo, determinados patróns alimentarios poden axudar a limitar o estrés oxidativo, un proceso asociado ao dano celular e á inflamación, mediante o aporte de antioxidantes, vitaminas e minerais presentes en froitas, verduras e alimentos pouco procesados.
Pautas xerais de alimentación para persoas con EM
É importante entender que non existe unha pauta única que funcione para todas as persoas. Cada unha debe coñecer o seu corpo e identificar que alimentos lle sentan mellor ou peor.
Estas pautas teñen como obxectivo principal evitar e reducir a inflamación crónica de baixo grao, promovendo ao mesmo tempo unha alimentación que apoie a saúde dixestiva, a función inmunolóxica, a protección do sistema nervioso e o benestar xeral.
As pautas recollidas son unha base xeral centrada na selección de alimentos como nos métodos de cociñado. A partir desta base, será fundamental realizar unha adaptación individual, tendo en conta a tolerancia persoal, os síntomas, o momento da enfermidade e o estilo de vida, xa que cada persoa con EM pode responder de forma distinta aos mesmos alimentos.
O obxectivo final non é a restrición. É aprender a utilizar a alimentación como unha aliada, reducindo factores que favorecen a inflamación e potenciando aqueles que contribúen a unha mellor calidade de vida.
1. Froitas e verduras
Son ricas en fibra, vitaminas, minerais e auga. Axudan á saúde dixestiva, ao control da inflamación e ao bo funcionamento xeral do organismo.
2. Alimentos ricos en graxas poliinsaturadas
- Omega 3: presente en pescados graxos, sementes, froitos secos e algas marinas. É un ácido graxo con gran capacidade antiinflamatoria. Un dos seus compoñentes, o DHA, é fundamental para a formación e o mantemento da mielina, esencial no sistema nervioso e material que se dana cando se ten EM.
- Omega 9: dos alimentos que adoitamos inxerir con regularidade, o que máis o contén é o aceite de oliva virxe extra. Favorece a saúde cardiovascular e ten un perfil antiinflamatorio.
- Omega 6: presente nalgunhas sementes, como as de xirasol. Ten funcións moi importantes no organismo, pero actualmente existe un desequilibro no seu consumo, xa que adoita inxerirse en maior proporción da recomendada. Máis adiante explicaremos con detalle a importancia do equilibro entre o Omega 3 e Omega 6.
3. Proteínas de boa calidade
Estas están presentes en carnes brancas, pescados, ovos, soia texturizada, guisantes, lentellas, garbanzos…
É fundamental asegurar un consumo diario adecuado de proteínas. Manter unha boa porcentaxe de masa muscular axuda a conservar a mobilidade, a forza e a estabilidade corporal no día a día. Como pauta xeral, recoméndase inxerir 0,8gr por cada kilo que pese o noso corpo, pero iso é o mínimo.
4. Legumes
Son un alimento moi interesante que a miúdo déixase de lao. Son ricas en proteínas (aínda que incompletas), hidratos de carbono complexos e fibra. É importante saber como consumilas, xa que poden conter substancias antinutrintes. Estas elimínanse facilmente mediante técnicas como o remollo, o cociñado, a fermentación ou a xerminación.
Alimentos que se deben evitar ou reducir en persoas con EM
- Graxas saturadas ou graxas trans: bollería industrial, patacas fritidas de bolsa, hamburguesas de comida rápida, pizzas conxeladas, aceite de coco ou palma…
- Azucres simples ou xaropes: poden favorecer picos de glicosa e insulina, o que pode contribuír á inflamación ou desaxustes metabólicos.
- Aceites vexetais refinados: non son un perigo inmediato, pero non son tan nutritivos como outros aceites e poden favorecer a inflamación se se usan mal. Poden ser o aceite de soia, de xirasol, millo, palma… que pasan por procesos químicos que eliminan parte dos nutrientes.
- Edulcorantes artificiais: referímonos ao aspartamo, xilitol, maltitol… Poden alterar a microbiota intestinal. Prioriza endulzar con froita, dátiles, canela, mel ou estevia, se o teu corpo a tolera ben.
- Alcohol: o alcohol é neurotóxico. Ademais pode interferir coa medicación da EM. Ademáis pode aumentar a inflamación crónica de baixo grao. Tamén pode alterar o sono, a actividade física, a alimentación…
- Moitos aditivos e conservantes: convén reducir os conservantes e aditivos artificiais como os colorantes artificiais, conservantes químicos fortes como o nitritos/nitratos en embutidos (E250, E251…) ou o BHA e BHT, os emulsionantes e espesantes artificiais (carragenanos por exemplo) ou os aromas ou potenciadores do sabor como o glutamato monosódico ou saborizantes artificiais. Hai algúns naturais que tamén reciben o nome coas famosas E e non son de primeiras prexudiciais, como a sal, o vinagre, o ácido cítrico, certas vitaminas, ácido láctico…
- Carnes vermellas e carnes procesadas: o seu consumo excesivo pode favorecer o estrés oxidativo, alterar a microbiota intestinal e promover a inflamación.
- Ultraprocesados: teñen unha alta densidade calórica e pouco valor nutricional. Alteran a microbiota e favorecen a inflamación. Son as comidas precociñadas, os snaks empaquetados tipo patacas fritidas, cereais de almorzo ou bollería industrial, produtos con moitos aditivos artificiais…
- Fariñas refinadas: pasan por uns procedementos que eliminan gran parte da fibra, vitaminas e minerais. Non aportan tantos nutrintes. É mellor substituíla por fariña integral.
- Alimentos fritos: hai métodos de cociña máis variados, ricos e favorables para o corpo.
Circunstancias individuais
É importante coñecer o teu propio corpo e recoñecer que alimentos te sentan peor. Aínda que algunhas recomendacións xerais inclúan certos alimentos óptimos, as características individuais de cada persoa poden xerar respostas inflamatorias, como ocorre nalgúns casos co glute e a celiaquía ou a sensibilidade ao glute non celíaca.
Métodos de cociñado recomendados
A forma na que cociñamos os alimentos é tan importante como a elección dos mesmos. Determinados modos de cocción axudan a preservar nutrintes, mellorar a dixestibilidade e reducir a inflamación, mentres que outros poden favorecer a formación de compostos proinflamatorios ou dificultar a dixestión.
Estes métodos priorizan o respecto polo alimento e axudan a manter o seu valor nutricional, pero débese adaptar a cada alimento e persoa.
- Cocción ao vapor: preserva gran cantidade das vitaminas e minerais, especialmente en verduras.
- Fervedura suave: adecuada para legumes, cereais e algúns vexetais. Recoméndase non prolongar en exceso o tempo de cocción.
- Forno: especialmente a temperaturas moderadas sen queimar os alimentos.
- Prancha suave: empregando pouco aceite e evitando queimar os alimentos.
- Salteado lixeiro: con aceite de oliva virxe extra, durante pouco tempo e a temperatura media.
- Cocción lenta: ideal para mellorar a dixestibilidade de carnes e legumes.
- Alimentos crus ou minimamente procesados: sempre que se toleren ben e cunha correcta hixiene (foitas ou verduras por exemplo).
Métodos de cociñado que convén evitar ou reducir
Estes procesos poden favorecer a inflamación ou a perda de nutrintes:
- Frituras: especialmente as profundas e con aceites reutilizados.
- Cociñados a temperaturas moi altas: como o exceso de parilla ou barbacoa, que pode producir compostos proinflamatorios.
- Alimentos queimados ou moi tostados: a cabonización favorece a formación de substancias nocivas.
- Uso de aceites refinados para cociñar: son menos estables ao calor e oxídanse con facilidade. Teñen menos nutrintes.
- Recalentado repetido de alimentos: especialmente se é con aceites e graxas.
Próximos pasos
Esta guía é unha primeira aproximación. Para profundar máis sobre nutrición na EM, técnicas de cocción, exemplos de menús e recomendacións específicas, visita a nosa web e segue as nosas redes sociais. Cada publicación traerá consellos prácticos e baseados en evidencia científica, co obxectivo de apoiar o teu benestar día a día.
Referencias
- Hryb J, Christopher N, Vega Valderrama E, et al. Cambios en los hábitos alimentarios en relación con el diagnóstico de esclerosis múltiple. Medicina (B Aires). 2024;84(5). Scielo
- Valdés Pacheco R, Alonso Sánchez Á, Navarro Mascarell G, et al. Guía para cuidadores de personas afectadas de Esclerosis Múltiple. FEDEMA, 2022. Dispoñible en: https://aedem.org/wp-content/uploads/2022/12/Guia-para-Cuidadores-de-personas-afectadas-de-Esclerosis-Multiple.pdf
