Un estudo con resonancias magnéticas e IA permite distinguir dous tipos de Esclerose Múltiple
Unha análise de sangue combinada con resonancias magnéticas cerebrais e Intelixencia Artificial (IA) permite identificar dous tipos bioloxicamente distintos de Esclerose Múltiple (EM), segundo unha investigación recente liderada polo University College London (UCL) e Queen Square Analytics.
Esta investigación avanza cara unha medicina máis precisa e personalizada, ao ir máis aló das clasificacións clínicas tradicionais e demostrar que a EM non é unha enfermidade única, senón un conxunto de procesos biolóxicos diferenciados.
A complexidade da Esclerose Múltiple
A Esclerose Múltiple caracterízase pola súa imprevisibilidade. A día de hoxe, anticipar a evolución da enfermidade en cada persoa segue a ser un dos principais desafíos clínicos. As clasificacións actuais baséanse maioritariamente nos síntomas clínicos, que non sempre reflicten os mecanismos biolóxicos reais responsables do dano no sistema nervioso central.
Esta investigación demostra que, mediante a combinación dun biomarcador sanguíneo e imaxes cerebrais estándar, analizadas cun modelo avanzado de IA, é posible identificar formas de EM claramente diferenciadas dende o punto de vista biolóxico.
Como se desenvolveu o estudo
O traballo estoudou e empregou dous elementos:
- Niveis sanguíneos da cadea lixeira de neurofilamentos séricos (sNfL), un marcador fiable de dano neuronal.
- Resonancias magnéticas cerebrais, que permiten visualizar a propagación da enfermidade e os cambios estruturais no cerebro.
Estes datos foron analizados mediante un modelo de aprendizaxe automática desenvolvido polo UCL, denominado SuStaIn (Subtype and Stage Inference), deseñado para identificar subtipos e estadios da EM baseándose en datos biolóxicos obxectivos.
A mostra analizada
A investigación avaliou datos de 634 persoas diagnosticadas, procedentes de dúas series de ensaios clínicos. En cada caso:
- Realizouse unha análise de sangue para medir os niveis de sNfL.
- Avaliáronse mediante resonancia magnética os cambios estruturais cerebrais e a aparición de lesións.
- O modelo SuStaIn integrou toda esta información para identificar patróns biolóxicos específicos, prescindindo dos síntomas clínicos como criterio principal.
Dous tipos biolóxicos de EM
O estudo identificou dous subtipos biolóxicos de EM claramente diferenciados:
Tipo sNfL temperán
- Niveis elevados de cadea lixeira de neurofilamentos en sangue dende fases iniciais.
- Dano temperán no corpo caloso.
- Formación rápida de lesións cerebrais.
Este perfil corresponde a unha forma máis agresiva de Esclerose Múltiple, cun maior risco de progresión precoz.
Tipo sNfL tardío
- A atrofia cerebral en áreas como a cortiza límbica e a substancia gris profunda aparece antes do aumento dos biomarcadores sanguíneos.
- A progresión da enfermidade é máis lenta.
Os resultados deste estudo foron publicados na revista científica Brain, referente internacional en neuroloxía.
Implicacións clínicas e conclusións
Este descubrimento permite ao persoal sanitario:
- Predicir con maior precisión que persoas con EM presentan máis risco de desenvolver lesións cerebrais.
- Anticipar a progresión da discapacidade, incluso antes de que aparezan signos clínicos evidentes.
- Axustar o seguimento e o tratamento de forma máis temperá e personalizada.
Identificar a bioloxía da EM antes do deterioro clínico abre a porta a terapias máis específicas, dirixidas aos mecanismos subxacentes de cada persoa con EM.
Tal e como sinala o Dr. Arman Eshaghi, autor principal do estudo e fundador de Queen Square Analytics:
“A Esclerose Múltiple non é unha soa enfermidade. Os subtipos actuais non describen os cambios tisulares subxacentes que precisamos coñecer para tratala. Co uso dun modelo de IA, un marcador sanguíneo amplamente dispoñible e resonancia magnética, demostramos por primeira vez dous patróns biolóxicos claros de EM”.
