FEGADEM únese á iniciativa Baixo o Mesmo Paraugas o 3 de decembro
O día 3 de decembro é o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e máis de 100 entidades xuntáronse en toda Galicia para celebrar este día e reivindicar os dereitos destas persoas, na campaña denominada Baixo o Mesmo Paraugas. Haberá eventos en varias localidades galegas. Anímate e participa!
Baixo o Mesmo Paraugas
Esta campaña realízase ano tras ano para promover a visibilidade das persoas con discapacidade, a súa inclusión na sociedade e a protección dos seus dereitos. Este 2025, máis de 100 entidades do sector social únense na décima edición para conmemorar o 3 de decembro.
Esta vez o lema da campaña é #Xente10: 10 anos de experiencia con esta campaña visibilizando e reclamando unha sociedade máis xusta e inclusiva, para un colectivo de xente de 10. As persoas con discapacidade tamén son xente de 10 para traballar, para coller o autobús, para cociñar, para coidar o xardín, sacar fotografías, pasear, conducir… para todo o que se lles poña por diante!
Podes participar na campaña compartindo nas túas redes sociais, o 3 de decembro, unha fotografía cunha mensaxe positiva mencionando a @galiciadiversa e empregando o hashtag #Xente10.
Santiago de Compostela
Este ano, en Santiago de Compostela únense entidades como FEGADEM, ACEM, Dano Cerebral Santiago, Dano Cerebral Galicia, Down Compostela, AMIPA, FEAFES e APACAF.
O evento será o día 3 de decembro, ás 12:00 horas na Praza do Obradoiro. Agardamos que asistades cos vosos paraugas!
Outras convocatorias
Levantando paraugas de cores, pedimos a participación cidadá nas diferentes concentracións. Pola diversidade, pola inclusión. Podes asistir ás seguintes localidades:
- A Coruña – 11:30 horas – O Parrote (inclúe marcha)
- A Pobra do Caramiñal – 10:30 horas – Praza do Museo de Valle Inclán (inclúe marcha)
- Cee – 12:00 horas – Praza 8 de Marzo
- Lugo – 12:00 horas – Praza Maior (inclúe marcha)
- Ourense – 11:30 horas – Parque de San Lázaro (inclúe marcha)
- Pontevedra – 12:00 horas – Praza da Peregrina
- Porto do Son – 10:30 horas – no Porto (inclúe marcha)
- Ribeira – 10:30 horas – Praza de España (inclúe marcha)
- Santiago de Compostela – 12:00 horas – Praza do Obradoiro
- Vigo – 11:00 horas – xunto ao Edificio da Xunta de Galicia (inclúe marcha)
