A Federación Galega de Esclerose Múltiple, este 2025, xestionará 11 proxectos sociais grazas á ‘X Solidaria’
- Grazas ao cofinanciamento da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF, este 2025 a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) xestionará 11 programas e investimentos, dos cales 8 serán executados polas entidades membro da Federación.
- Esta subvención permitirá a FEGADEM seguir contando con 3 profesionais: unha da educación social, outra do traballo social e outra da comunicación.
- Grazas a estes fondos, a Federación executará un programa de información, orientación e asesoramento; outro de comunicación, e outro de apoio ás entidades membro. Ademais, adquirirá material para programas de rehabilitación con persoas con Esclerose Múltiple (EM).
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) seguirá ofrecendo este 2025 os seus programas de información, orientación e asesoramento para mellorar a calidade de vida das persoas con EM; ComunícatEM, un programa de sensibilización e comunicación na EM, e o programa de apoio a persoas con EM. A finalidade destes programas é seguir mellorando a calidade de vida das persoas con EM en Galicia, proporcionando apoio social, identificando as necesidades, e orientando e sensibilizando á sociedade sobre esta condición. Ademais, a Federación apoia ás entidades membro e xestiona os 11 programas asociados a esta subvención, dos cales 8 serán executados polas asociacións membro e 4 pola propia Federación.
A través destes programas, FEGADEM realizará actividades de sensibilización, orientará e apoiará ás persoas con EM e ás familias que o precisen, e xestionará o traballo da Federación en coordinación coas entidades. Para facer isto posible, FEGADEM seguirá contando cunha profesional da educación social, unha profesional do traballo social e unha profesional da comunicación. Ademais, a Federación adquirirá material para programas de rehabilitación con persoas con EM, mellorando así os seus servizos.
Estes programas poderán levarse a cabo grazas ao cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF, procedentes das persoas que marcaron o cadro de ‘Actividades de interese xeral consideradas de interese social’ na declaración da renda. Destes programas beneficiaranse un total de 1.514 persoas da comunidade autónoma galega que conviven coa Esclerose Múltiple, ademais das 5 entidades membro da Federación.



ESCLEROSE MÚLTIPLE
A Esclerose Múltiple afecta en España a preto de 58.000 persoas, constituíndose como unha das enfermidades máis comúns do Sistema Nervioso Central (SNC). Galicia é a área coa prevalencia máis alta, existindo na actualidade unhas 4.500 persoas diagnosticadas. A esclerose múltiple é unha enfermidade crónica autoinmune, desmielinizante, neurodexenerativa e progresiva do SNC. Os síntomas temperáns máis habituais son a fatiga, problemas de visión, formigueos, entumecementos, vertixes e mareos, debilidade muscular, espasmos y problemas de equilibrio e coordinación. Moitas manifestacións da enfermidade son ‘invisibles’, pero inciden no día a día de quen convive con ela. A incapacidade que provoca caracterízase por trastornos motores, cognitivos e da agudeza visual, acompañada doutras alteracións coma ansiedade e/ou depresión.
QUE É FEGADEM
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) creouse no 2011 como resultado dunha reunión na que representantes das asociacións galegas de Esclerose Múltiple decidiron constituírse nunha Federación de asociacións sen ánimo de lucro, para garantir a calidade de vida das persoas que conviven con esta enfermidade e as súas familias. Ten a sede en Santiago de Compostela e traballa de forma coordinada coas asociacións (ACEM Coruña, ACEM Santiago, ALUCEM, AODEMPER e AVEMPO) para chegar ás catro provincias galegas.
