Dende FEGADEM asistimos ao acto de entrega de premios Mulleres de Compostela 2025
O acto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela con motivo do 8M, premiou a 8 mulleres de diferentes ámbitos da cidade compostelá. Teresa González, presidenta de FEGADEM, foi unha delas.
O Consello Asesor de Condecoracións do Concello de Santiago de Compostela, presidido pola alcaldesa Goretti Sanmartín e formado por representantes de todos os grupos políticos municipais, premiou o 7 de marzo a oito mulleres da cidade co galardón “Mulleres de Compostela 2025”.
As oito mulleres desenvolven as súas tarefas profesionais e persoas en Santiago e con este premio recoñécense as súas traxectorias relacionadas co ámbito da cultura, asociacionismo e hostalaría.
Teresa González, presidenta de FEGADEM
Teresa González, presidenta da Federación, foi unha das premiadas. “Non nos van parar. Temos dereito a ter as mesmas oportunidades que o resto da xente”, afirmou González durante o seu discurso ao recoller a xoia deseñada pola artista Susi Gesto que o Concello de Compostela entregou ás 8 mulleres.
A presidenta de FEGADEM visibilizou a Esclerose Múltiple e centrou o seu discurso no empoderamento das mulleres con discapacidade, que adoitan verse desacreditadas pola súa condición. Reivindicou máis dereitos para estas e seguir loitando por mellorar a súa calidade de vida.
O acto
O acto foi conducido pola escritora Rosa Aneiros, que repasou moitas mulleres da historia galega e santiaguesa. Coas súas particulares palabras, Aneiros lembrou a importancia da poesía oral e as cantareiras ás que se lles dedica este ano o Día das Letras Galegas, e de todas as mulleres traballadoras.
A presentadora deu paso cunha cantiga a cada unha das mulleres premiadas, que foron subindo ao escenario a recoller a xoia de Susi Gesto de mans da alcaldesa Goretti Sanmartín e dos e as representantes dos grupos políticos da corporación Míriam Louzao, María Rozas, Borja Verea e Mercedes Rosón.
A alcaldesa Goretti Sanmartín, no seu discurso de peche, ensalzou ás mulleres que constrúen unha Compostela feminista e inclusiva, diversa e xusta. Trala súa intervención, a cantante Sheila Patricia pechou o acto coa interpretación de dous temas: “A Moura” e “A Xeitosa”.
As demais mulleres galardoadas
Ademais de Teresa González, representante do ámbito asociativo compostelán, tamén premiaron a outras mulleres do eido da cultura, a hostalaría, o deporte… Guadi Galego foi unha das galardoadas, pola súa traxectoria na música. Recolleu o seu premio a xornalista Marga Pazos. Outra das premiadas foi a actriz Melania Cruz, que por motivos laborais non puido estar presente e deixou en mans da actriz Carmen Méndez a recollida do premio. María Suárez e Carmen Iglesias subiron ao escenario polo seu traballo na hostalaría, polos seus negocios históricos da cidade: respectivamente, A Chantadina e A Charca. No deporte, foi galardoada Carme Castro “Cuqui”, presidenta orgullosa do Fútbol Club San Pedro. Finalmente, Pilar Astray foi premiada pola súa labor de recuperación da memoria tradicional galega ao manter e poñer de moda os traxes tradicionais galegos sendo unha socia activa da Asociación do Traxe Galego.
