O Goberno aproba o anteproxecto de lei para a reforma das leis de dependencia e discapacidade
Unhas 100.000 persoas en España están pechadas nos seus domicilios por problemas de accesibilidade. A reforma incluirá cambios na axuda a domicilio, accesibilidade e dereitos.
O Goberno vén de aprobar o anteproxecto de lei para a reforma das leis de dependencia e discapacidade, co obxectivo de mellorar a autonomía persoal e a calidade de vida das persoas con dependencia. Esta reforma introduce cambios en ámbitos como a axuda a domicilio, a accesibilidade nas vivendas e os dereitos das persoas con discapacidade no acceso a certos seguros.
Máis servizos para a atención domiciliaria
Unha das novidades desta reforma é a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Ata agora, este servizo estaba enfocado nos coidados dentro da vivenda, pero coa reforma permitirase tamén que os/as coidadores/as realicen tarefas fóra do domicilio, como:
- Acompañamento a citas médicas.
- Axuda para facer a compra.
- Outras xestións básicas do día a día.
Este cambio responde á necesidade de facilitar unha maior autonomía ás persoas con dependencia e garantir que reciban apoio máis aló das súas casas, reforzando a súa integración na comunidade.
Melloras en accesibilidade nas vivendas
Estas reformas tamén suporán cambios na Lei de Propiedade Horizontal para facilitar a accesibilidade nos edificios. Estes cambios inclúen:
- Obriga das comunidades de veciños de eliminar barreiras arquitectónicas cando un/ha residente o precise.
- Maior financiamento público para obras de accesibilidade, reducindo a carga económica sobre os/as veciños/as.
En España, estímase que unhas 100.000 persoas viven atrapadas nos seus fogares debido á falta de accesibilidade. Esta reforma busca garantir que todas as persoas teñan dereito a unha vivenda adaptada ás súas necesidades.
Pasarela entre dependencia e discapacidade
Outro dos avances importantes desta reforma é o recoñecemento automático dun grao de discapacidade do 33% para as persoas que teñan recoñecida unha situación de dependencia. Esta homologación poderá chegar ata o 100% no caso das persoas con dependencia de grao 3.
Este cambio permitirá que estas persoas accedan de forma máis rápida a axudas, beneficios fiscais e recursos adaptados ás súas necesidades.
Dereitos e seguridade para as persoas con discapacidade
A reforma tamén introduce medidas para evitar a discriminación das persoas con discapacidade no acceso a seguros de vida e saúde. Ademais, contempla mecanismos para supervisar o desenvolvemento da intelixencia artificial e evitar que os algoritmos inclúan sesgos prexudiciais para este colectivo.
Un paso adiante, pero con retos pendentes
Aínda que esta reforma supón un avance para os dereitos das persoas con dependencia e discapacidade, algunhas entidades e administracións destacan a necesidade de garantir unha financiación suficiente para a súa correcta aplicación. En Galicia, por exemplo, xa se aplican algunhas destas medidas, como a combinación do SAF con centros de día, pero os concellos sinalan que a falta de recursos pode dificultar a súa implementación efectiva.
