A neuróloga Ana Belén Caminero fala dos avances na Esclerose Múltiple
A doutora Ana Belén Caminero, neuróloga e coordinadora do grupo de estudo de Esclerose Múltiple e enfermidades neuroinmunolóxicas relacionadas da Sociedade Española de Neuroloxía (SEN), concede unha entrevista a 20 minutos sobre o futuro dos tratamentos da EM.
A Esclerose Múltiple (EM) e outras enfermidades neuroinmunolóxicas están a ser obxecto de numerosos avances científicos que están a transformar o seu diagnóstico e tratamento. Segundo a Dra. Ana Belén Caminero, coordinadora do grupo de estudo de Esclerose Múltiple e enfermidades neuroinmunolóxicas da Sociedade Española de Neuroloxía (SEN), nos próximos anos veremos un gran avance na personalización dos tratamentos, o que permitirá abordar estas enfermidades dun xeito máis efectivo.
Que son as enfermidades neuroinmunolóxicas?
As enfermidades neuroinmunolóxicas son aquelas nas que o sistema inmunolóxico ataca por erro a tecidos do sistema nervioso, causando inflamación e dano neurolóxico. Unha destas é a EM, pero tamén existen outras, como a neuromielite óptica, a enfermidade asociada a anticorpos anti-MOG (MOGAD) e as encefalites autoinmunes. Todas elas afectan á calidade de vida das persoas e requiren un diagnóstico precoz e uns tratamentos específicos.
Segundo o neurólogo Álvaro Sánchez, un dos grandes retos no tratamento dos trastornos do movemento é atopar terapias que realmente freen a progresión da enfermidade, evitando o deterioro progresivo na persoa.
Os avances que están a cambiar a EM
A EM está hoxe moito mellor comprendida que hai dúas décadas. Como explica a Dra. Caminero, actualmente dispoñemos de tratamentos que reducen as recaídas e ralentizan a progresión da enfermidade, permitindo que moitas persoas manteñan a súa autonomía e calidade de vida. Entre os avances máis prometedores destacan:
- Tratamentos personalizados: a medicina de precisión, baseada na xenética e nas características individuais da persoa, será clave nos próximos anos.
- Terapias neuro-rexenerativas: investigadores/as están a traballar en terapias que permitan reparar o dano xa existente no sistema nervioso.
- Biomarcadores avanzados: a identificación de novos biomarcadores permitirá diagnósticos máis rápidos e seguimentos máis precisos.
- Uso de células nai: aínda que prometedor, este tratamento segue sendo experimental e require máis estudos para garantir a súa seguridade e eficacia.
Que se espera nos próximos anos?
A nivel xeral, as enfermidades neuroinmunolóxicas están a experimentar avances en:
- Desenvolvemento de anticorpos monoclonais máis específicos para reducir a inflamación sen afectar outras funcións do sistema inmunolóxico.
- Melloras no acceso aos tratamentos innovadores, asegurando que todas as persoas poidan beneficiarse dos últimos avances científicos.
- Maior concienciación e diagnóstico temperán, evitando que as persoas pasen anos sen recibir un tratamento adecuado.
A Dra. Caminero destaca que, aínda que a situación en España é boa, segue habendo desafíos, como a necesidade de garantir unha maior equidade no acceso ás terapias innovadoras e de potenciar o apoio integral ás persoas, incluíndo o seu benestar psicolóxico e social.
O futuro da EM e das enfermidades neuroinmunolóxicas
A investigación segue avanzando e todo apunta a que nos próximos 5 ou 10 anos veremos cambios radicais no manexo destas enfermidades. O obxectivo é lograr tratamentos que controlen os síntomas e que freen a progresión da enfermidade e, no mellor dos casos, permitan a recuperación do tecido danado.
O compromiso da comunidade científica e médica é imprescindible para que estes avances cheguen a todas as persoas, garantindo unha maior calidade de vida e un futuro con máis oportunidades para quen vive con Esclerose Múltiple ou outras enfermidades neuroinmunolóxicas.
