Teresa González, presidenta de FEGADEM, recibe este 2025 o recoñecemento do Concello de Santiago de Compostela
O Concello de Santiago de Compostela recoñece este ano 2025 a traxectoria de oito mulleres compostelás, entre elas Teresa González, presidenta da Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) e expresidenta da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras (ACEM).
O Consello Asesor de Condecoracións do Concello de Santiago de Compostela, presidido pola alcaldesa Goretti Sanmartín e formado por representantes de todos os grupos políticos municipais, aprobou a lista de mulleres que serán recoñecidas co premio “Mulleres de Compostela 2025”.
As oito mulleres que recibirán o premio o vindeiro día 7 de marzo no Auditorio de Galicia son naturais da cidade compostelá, onde desenvolven as súas tarefas profesionais. O premio recoñece as súas traxectorias persoais e profesionais, relacionadas co ámbito da cultura, asociacionismo e hostalaría.
Teresa González, presidenta da Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) e expresidenta da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras (ACEM), será unha das oito mulleres galardonadas. Preséntase como unha das voces máis firmes na defensa dos dereitos das persoas con Esclerose Múltiple (EM) en Galicia, loitando por máis recursos, máis concienciación e máis investigación neste campo.
Xunto a González, outras sete mulleres recibirán o premio polo seu traballo nos ámbitos da cultura, o asociacionismo e a hostalaría. Entre elas destacan a cantante Guadi Galego e a actriz Melania Cruz, referentes na escena cultural galega actual. No ámbito social, serán galardonadas Esperanza Nogueira, da Asociación A Xunlla de Laraño; Carme Castro, presidenta do Fútbol Club San Pedro, e Pilar Astray, socia activa da Asociación do Traxe Galego. No sector hostaleiro o premio recaerá en María Suárez, que rexenta a Chantadina no barrio do Sar, e en Carmen Iglesias, propietaria do mesón A Charca na rúa do Franco.
A gala, que terá lugar o venres 7 de marzo no Auditorio de Galicia, estará conducida por Rosa Aneiros e contará coa actuación de Sheila Patricia. Poñerase en valor o traballo de todas estas mulleres que, cada unha dende o seu ámbito, fan Santiago unha cidade mellor.
