3 de decembro: Día Internacional das Persoas con Discapacidade
Reivindicamos unha maior protección social e o recoñecemento automático do 33% de discapacidade co diagnóstico da Esclerose Múltiple (EM).
O 3 de decembro é o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, un día para reflexionar e loitar por unha sociedade máis inclusiva e accesible. Dende FEGADEM sumámonos a esta causa, apoiando o manifesto do CERMI, centrado este ano no dereito a unha vivenda digna e accesible como base para unha vida independente. Ademais reivindicamos unha maior protección social e o recoñecemento automático do 33% de discapacidade co diagnóstico da Esclerose Múltiple (EM).
Esclerose Múltiple e discapacidade
A EM, coñecida como a “enfermidade das mil caras”, presenta unha diversidade de síntomas visibles e invisibles que afectan de maneira única a cada persoa. Dende a mobilidade reducida ata a fatiga crónica, a dor neuropática ou o deterioro cognitivo, estes síntomas poden impactar na vida diaria e requiren medidas de apoio específicas.
Unha das principais demandas de FEGADEM e o tecido asociaciativo relacionado coa EM, é unha maior protección social dende o momento do diagnóstico, que asegure o acceso inmediato a recursos e apoios. Isto suporía un importante avance na calidade de vida das persoas con EM e as súas familias.
A importancia da formación en dereitos
Afrontar as barreiras que a discapacidade trae consigo require coñecemento e formación. A formación en dereitos é unha ferramenta fundamental para que as persoas con discapacidade:
- Coñezan e exerzan os seus dereitos.
- Reclamen adaptacións razoables nos seus entornos laborais, sociais e sanitarios.
- Sexan axentes de cambio que promovan unha sociedade máis inclusiva.
Dende FEGADEM avogamos pola existencia de iniciativas formativas que inclúan talleres e recursos dixitais sobre temas como lexislación en discapacidade, adaptacións laborais, atención sanitaria ou igualdade de xénero. Este tipo de formacións axudan a superar barreiras e a loitar contra a discriminación, empoderando ás persoas con EM e discapacidade para asegurar a súa participación plena na sociedade.
Baixo o Mesmo Paraugas
En Galicia, o movemento colectivo Baixo o Mesmo Paraugas reúne a máis de 100 asociacións, incluíndo a colaboración de entidades membro da Federación. Este 3 de decembro levarán a cabo actos en varias cidades para visibilizar a diversidade e reivindicar os dereitos das persoas con discapacidade:
- A Coruña: O Parrote (12:00 h).
- Ourense: Praza Maior (12:00 h).
- Vigo: Praza da Estrela (11:30 h).
- Lugo: Praza Maior (12:00 h).
- Cee: Praza 8 de marzo (12:00 h).
- Pontevedra: Praza da Peregrina (12:00 h).
Asiste cun paraugas e únete á loita pola inclusión e a diversidade!
Suma de esforzos
Neste Día Internacional das Persoas con Discapacidade, en FEGADEM facemos un chamamento a todos os axentes sociais e administracións públicas para traballar xuntos/as na construción dunha sociedade máis xusta. Unha sociedade onde as discapacidades, visibles ou invisibles, non sexan un obstáculo para a participación plena. Unha sociedade onde a vivenda, a saúde, o traballo e a igualdade de oportunidades sexan dereitos garantidos para todas as persoas.
Únete á causa! Este 3 de decembro, abre o teu paraugas como símbolo de solidariedade e compromiso. Traballemos xuntas por unha sociedade máis inclusiva e accesible para todo o mundo.
