Ramón Maneiro e a Esclerose Múltiple: A calquera lle pode pasar algo que lle cambie a vida
Este home é veciño de Rois e foi diagnosticado con Esclerose Múltiple aos 27 anos. Agora traballa na ONCE.
Ramón Maneiro, veciño de Rois, recibiu o diagnóstico de Esclerose Múltiple (EM) recorrente-remitente aos 27 anos. Isto foi un xiro inesperado que o obrigou a abandoar o seu traballo na hostalaría, aínda que o seu espírito loitador abriulle novas oportunidades laborais e vitais na ONCE. Esta é a historia de como Ramón transformou a súa vida dende o momento do diagnóstico ata se converter nun exemplo de resiliencia e adaptación, atopando na axuda psicolóxica, o deporte e o traballo cara ao público, a estabilidade e alegría que buscaba.
“Un golpe forte”
Ramón traballaba na hostalaría en Padrón, un ambiente que disfrutaba ata que os primeiros síntomas da EM comezaron a aparecer. Inicialmente achacou os seus problemas de visión ao uso de lentillas, pero pronto deuse conta de que a súa saúde precisaba atención médica urxente. Tras unha semana de probas, recibiu o diagnóstico que cambiaría o curso da súa vida.
Para el foi un golpe emocional difícil de procesar e lembra ter pensamentos derrotistas e un medo constante ao futuro. Ramón incluso chegou a deixar á súa parella naquel momento, temendo que a súa enfermidade fora unha carga para ela. Porén, a axuda psicolóxica e o apoio da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson e ELA (ACEM) axudáronlle a aceptar a súa situación e a encarar a vida cunha visión máis positiva.
Sen dereito a paro
A pesares dos seus esforzos por continuar no traballo, os síntomas medraron ata que lle resultou imposible seguir o ritmo. Decidiu deixar a hostalaría, pero entón enfrountouse a un novo obstáculo: ao ser el quen tomou a decisión de marcharse, non tiña dereito a cobrar o paro. Ramón atopouse sen axuda económica mentres buscaba un novo emprego, e aínda que solicitou o grao de discapacidade e obtivo un 35 %, a situación foi complicada. A súa historia mostra as dificultades ás que se enfrontan moitas persoas con enfermidades crónicas tanto polo impacto físico e psicolóxico destas, como pola falta de apoio económico en certos momentos de transición.
A ONCE
Aínda que os últimos meses en hostalaría foron complicados debido aos síntomas da EM, Ramón non perdeu o seu afán por interactuar co público. Foi neste contexto onde coñeceu a posibilidade de traballar na ONCE, o que encaixaba perfectamente cos seus intereses e necesidades. Hoxe, Ramón expresa a súa gratitude cara esta organización, na cal xa leva case dous anos dedicándose á venda de cupóns, cubrindo baixas e vacacións e agardando a un posto fixo.
Traballar na ONCE permitiu a Ramón combinar o seu amor pola atención ao público sen o estrés característico da hostalaría. Aínda que, a miúdo, a xente cuestiona a súa presencia na ONCE por non entender a súa situación, Ramón sabe responder a estes comentarios dende a empatía e o respecto, defendendo que “cada un que está nesta organización [a ONCE] ten o seu problema”.
Retos físicos e emocionais
Maneiro enfrontouse a varios síntomas da EM, dende problemas de visión e memoria ata fatiga extrema, pero asegura que a medicación e a actividade física permitíronlle manter o seu estado de saúde baixo control. Aínda que os síntomas persisten, Ramón destaca que o deporte é “a mellor pastilla que hai, incluso sen estar enfermo”, algo que o fotaleceu tanto física como emocionalmente para enfrontar os brotes da EM.
Para manterse informado e regular o seu tratamento, Ramón acude a revisións anuais e realiza analíticas periódicas, algo que considera fundamental na súa rutina para previr o avance da enfermidade.
Unha forma de ver a vida
Aínda que recoñece que a EM rouboulle o seu soño de liderar un proxecto de hostalaría, Ramón mantén unha visión positiva e optimista sobre o futuro. “A calquera lle pode pasar algo que lle cambie a vida”, sinala, lembrando que a incertidume é unha realidade común para todos/as, estean ou non enfermos/as.
Podes ler o artigo completo aquí.
