O ouro líquido: un posible tratamento esperanzador para a Esclerose Múltiple e o Párkinson
Un ensaio en fase dúas, cunha suspensión de nanocristais de ouro, suxire un tratamento experimental que podería mellorar os resultados do desenvolvemento da Esclerose Múltiple e o Párkinson.
A investigación das enfermidades neurodexenerativas avanza cada vez máis grazas a un maior investimento neste campo. O Centro Médico Southwestern da Universidade de Texas leva a cabo uns ensaios de fase dúas que revelan avances significativos que poderían transformar o panorama do tratamento para as persoas con Esclerose Múltiple e Párkinson.
O enfoque da investigación céntrase nunha suspensión de nanocristais de ouro, comunmente coñecida como “ouro líquido”. stes nanocristais, administrados diariamente, mostran a capacidade de reverter de maneira significativa os déficits metabólicos no cerebro, conducindo potencialmente a melloras funcionais notables. O Dr. Peter Sguigna, líder do ensaio activo de Esclerose Múltiple na UT Southwestern Medical Center, Profesor Adxunto de Neuroloxía e Investigador do Instituto do Cerebro Peter O’Donnell Jr., ten unha opinión cautelosa pero optimista sobre os resultados obtidos.
O cerebro, para funcionar de forma óptima, depende dun subministro constante de enerxía ás células deste órgano a través dunha molécula chamada trifosfato de adenosina (ATP), e o envellecemento pode resultar nun declive neste subministro. Non obstante, este declive é aínda máis pronunciado en condicións neurodexenerativas como na Esclerose Múltiple ou o Párkinson. Aquí é onde entra en xogo o tratamento experimental CNM-Au8, desenvolto por Clene Nanomedicine. Este innovador tratamento actúa como un catalizador que mellora o equilibrio enerxético nas células cerebrais, ofrecendo unha nova esperanza para a xestión da EM e outras enfermidades neurodexenerativas.
Para os ensaios clínicos, denominados REPAIR-MS e REPAIR-PD, reclutáronse participantes con Esclerose Múltiple recidivante e con Párkinson. Despois de 12 semanas de tratamento con CNM-Au8, observouse un aumento promedio do 10,4% na proporción de NAD+/NADH (nicotinamida adenina dinucleótido/nicotinamida adenina dinucleótido+hidróxeno, moléculas que axudan na produción de enerxía no corpo). Isto confirmou aparentemente a eficacia do tratamento no cerebro. Ademais, os participantes con Párkinson informaron de melloras nas “experiencias motoras da vida diaria”, o que indica un impacto positivo na calidade de vida e a funcionalidade do día a día. É importante destacar que ningún dos participantes experimentou efectos secundarios adversos graves relacionados con CNM-Au8, o que subliña a súa seguridade e tolerabilidade.
A pesares destes resultados alentadores, o Dr. Sguigna enfatizou a necesidade de realizar máis estudos para validar e expandir estes achados, que ofrecen unha nova perspectiva para quenes buscan xestionar a Esclerose Múltiple ou o Párkinson. Coa continuación da investigación e o desenvolvemento de terapias innovadoras coma o ouro líquido, ábrese a posibilidade de mellorar a calidade de vida e promover a autonomía para todas as persoas, independentemente dos desafíos que enfronten.
Este estudo foi realizado por un equipo multidisciplinar da UT Southwestern Medical Center, con contribucións destacadas do Dr. Jimin Ren, Profesor Asociado de Radioloxía, e do Dr. Benjamin Greenberg, Profesor de Neuroloxía e Pediatría.
Fontes:
Esclerosis Múltiple España: https://esclerosismultiple.com/oro-liquido-investigacion-esclerosis-multiple/
UT Southwestern Medical Center: https://www.utsouthwestern.edu/newsroom/articles/year-2024/feb-gold-nanoparticles-brain-deficits.html
