Un estudo pioneiro de Avempo e a UVigo avalía os beneficios do exercicio terapéutico con realidade virtual en persoas con Esclerose Múltiple
A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) e a Universidade de Vigo (UVigo) levan a cabo un programa no que investigan o exercicio terapéutico con lentes de realidade virtual para as persoas con Esclerose Múltiple (EM).
Analizar os posibles beneficios, en persoas con Esclerose Múltiple, dun programa de exercicio terapéutico con lentes de realidade virtual é o obxectivo do estudo que investigadores da Facultade de Fisioterapia desenvolven coa Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (Avempo). Coordinado polos fisioterapeutas Gustavo Rodríguez e Pablo Campo, do grupo de investigación HealthyFit, cerca de vinte usuarios e usuarias de Avempo participaron neste estudo pioneiro, que conta coa financiación do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (Cofiga). “Neste colectivo non había investigacións que explorasen os usos da realidade virtual inmersiva para a mellora das súas capacidades funcionais”, destaca Campo respecto a un estudo que forma parte do convenio de colaboración entre a UVigo e Avempo e no que participou tamén a estudante de máster da Facultade de Fisioterapia Elena Ferreiro.
Dando continuidade a proxectos previos do grupo HealthyFit, que exploraban os beneficios da actividade física con dispositivos de realidade virtual, este estudo céntrase na realización e posterior análise dun programa de exercicio baseado no uso de exergames, videoxogos que supoñen un compoñente físico e cognitivo. “Xa traballáramos con persoas con párkinson ou alzhéimer e tratamos de extrapolar esta experiencia previa a un colectivo co que non se realizaran intervencións deste tipo, a pesares de que xa exploramos os beneficios do exercicio nesta poboación nun artigo publicado no Journal Clinical Medicine”, apunta Campo. A Esclerose Múltiple, lembra, é “unha enfermidade neurodexenerativa inflamatoria crónica, que supón diferentes afectacións xerais, na marcha, no equilibrio e na forza ou problemas de control motor e tamén unha sintomatoloxía máis específica, como pode ser os cadros de fatiga moi marcados. Ademais, afecta a persoas moi novas, cos primeiros síntomas debutando na terceira década da vida”. Nese sentido, o obxectivo deste programa, que foi realizado a un grupo de persoas cunha idade media próxima aos 40 anos, era contribuír a “mellorar as súas capacidades funcionais e a súa calidade de vida”.
Un programa de oito semanas
O proxecto abarcou o desenvolvemento dun programa de exercicio de oito semanas, con dúas sesións semanais, nas que un grupo de participantes debía levar a cabo diferentes actividades cunhas lentes de realidade virtual inmersiva Oculus Quest 3. Esta actividade foi supervisada pola fisioterapeuta Elena Ferreiro, como parte do seu traballo final no máster en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia, xunto co persoal da asociación. De forma paralela, outro grupo de participantes no estudo seguiu realizando as actividades programadas pola asociación. “Acabamos de rematar a intervención e de facer as avaliacións finais”, engade Campo, que explica que, a falta da análise dos datos, “os resultados iniciais son positivos”, xa que constatan que levar a cabo o programa é “factible e seguro, sen efectos adversos”, así como a elevada satisfacción e compromiso das e dos participantes na iniciativa.
Os usuarios e usuarias de Avempo transladan un “alto” grao de satisfacción tras participar no programa de exercicio terapéutico do estudo. “Trátase dunha forma de incentivar o exercicio máis intenso nos pacientes aos que ás veces nos custa un pouco e esta experiencia consegue facelo todo moi entretido e variado”, comenta unha das usuarias participantes, que considera que sería “moi interesante” introducir a realidade virtual nas sesións de fisioterapia de forma regular, dándolle continuidade ao proxecto.
Unha colaboración á que dar continuidade
Como explica Campo, esta colaboración con Avempo arrincou fai cerca dun ano, coa realización dunha xornada formativa, e levou posteriormente ao deseño dun protocolo de investigación, publicado na revista Sclerosis, para despois dar forma a este programa de exercicio terapéutico, ao que agardan poder dar continuidade con novas colaboracións. Ao mesmo tempo, o investigador subliña tamén o positivo de iniciativas como este proxecto, que conseguen levar a investigación clínica á contorna dos afectados e que contou coa financiación das axudas para a investigación do Cofiga 23/24, que posibilitan que o alumnado do máster poida participar en estudos clínicos e desenvolver investigacións aplicadas.
