Sanidade Mediaverso: Nova Plataforma de Saúde Dixital que impulsa a información no Benestar en Galicia
FEGADEM súmase á celebración do lanzamento dunha plataforma innovadora que acerca a saúde á comunidade con contido acesible e noticias médicas actualizadas.
O pasado venres 12 de xaneiro, fomos invitados pola Consellería de Sanidade ao acto de presentación de “Sanidade Mediaverso”, unha novidosa iniciativa que promete transformar a maneira na que a comunidade galega accede á información relevante sobre saúde e benestar.
Nun evento no que se congregaron profesionais da saúde, representantes de organizacións benéficas e líderes comunitarios, reveláronse os detalles de dito proxecto. Esta plataforma dixital aspira a converterse nunha fonte integral de información relacionada coa saúde, ofrecendo contido educativo, noticias médicas e recursos para mellorar a calidade de vida da poboación galega.
Ao formar parte do “Plan Obesidade Zero”, estrutúrase arredor de catro grandes eixes, que teñen como finalidade contribuír ao mantemento dunha boa saúde na nosa comunidade: alimentación saudable, realización de actividade física, coidado do benestar emocional e prevención de condutas aditivas. Arredor destas catro áreas, a plataforma ofrece recursos dixitais, audiovisuais, aplicacións, xogos e programas de realidade aumentada e virtual, no que se achegan solucións para acadar un estado de saúde óptimo, onde as persoas destinatarias son persoas de todas as idades.
A plataforma “Sanidade Mediaverso”, promovida pola Consellería de Sanidade e financiada con fondos europeos, ofrece aos usuarios unha variedade de ferramentas. Estes poden acceder a un planificador de comidas que proporciona menús equilibrados para oito semanas, xunto cunha lista de compras e receitas para cada menú. Ademais, a plataforma conta con aplicacións móbiles como activar-t e Camina, vídeos de exercicios para realizar en solitario ou en familia, e a aplicación de realidade virtual EnMovemento. Tamén se ofrecen cursos formativos e consellos sobre a práctica do exercicio físico para axudar aos usuarios a manterse en forma e reducir o sedentarismo.
Outro dos pilares nos que se centra é o benestar emocional, a saúde mental e o coidado do sono. Para iso, ofrécense diversos cursos con técnicas destinadas á redución do estrés, pílulas audiovisuais de mindfulness e recursos para levar a cabo unha xestión emocional adecuada.
Por último, a plataforma inclúe unidades didácticas para previr o consumo de sustancias aditivas, e para axudar aos usuarios a deixar estes hábitos nocivos para a saúde.
“Sanidade Mediaverso” é un proxecto desenvolvido pola UTE BiGXoia e financiado integramente con fondos europeos no marco do eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020. Para obter máis información sobre esta plataforma, visite https://sanidademediaverso.sergas.gal/.
