Máis de mil persoas con Esclerose Múltiple beneficiáronse en 2022 da ‘X Solidaria’ en Galicia
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) puxo en marcha tres programas grazas ao cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF.
Máis de mil persoas con Esclerose Múltiple beneficiáronse, de forma directa e indirecta, o pasado ano da ‘X Solidaria’ na comunidade galega a través dos tres programas postos en marcha pola Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF, que dotou á entidade dunha subvención de 46.342,97 euros para a execución dos tres proxectos.
Grazas a esta subvención, no 2022 FEGADEM puxo en marcha o ‘Programa de información, asesoramento, investigación e orientación sobre como mellorar a calidade de vida das persoas con EM’, co que impulsou diferentes proxectos, dirixidos a abordar a patoloxía e as circunstancias que a rodean, para poder tratar as necesidades que o colectivo presenta. A Federación acercou con este programa ás persoas afectadas, aos seus familiares e coidadores, información e asesoramento naquelas cuestións que poden axudar a mellorar a súa percepción sobre a enfermidade, así como o seu abordaxe. Así mesmo, conseguiuse a profesionalización da propia Federación mediante a contratación dunha profesional que articulou tódolos recursos necesarios para dar consistencia á labor da Federación e repercutir en beneficio do colectivo e das asociacións federadas.
Por outra banda, os fondos do 0,7% do IRPF permitiron a FEGADEM poñer en marcha o Programa de comunicación: ‘Ségueme, emociónate, compréndeme, cando che digo que loitamos por ti’, co que informou ás persoas con EM de Galicia sobre a realidade da patoloxía e a vida con EM, así como a actualidade da Federación e das súas cinco entidades membro. Grazas a este programa, a Federación puido contar cun profesional para a xestión da comunicación da entidade e ofreceu diversas charlas informativas e formación para o colectivo afectado, entre outras funcións.
Por outra banda, a subvención da Consellería de Política Social permitiu á Federación xestionar os fondos para repercutir directamente nos servizos que ofrecen as súas cinco entidade membro (ACEM Santiago, ACEM Coruña, AVEMPO, ALUCEM e AODEMPER) ás persoas con EM a través do ‘Programa de apoio aos programas de rehabilitación integrais das persoas con EM das asociacións federadas’. Este programa permitiu coordinar o pasado ano a contratación de profesionais para poder ofrecer servizos psicosociais e rehabilitadores dentro das entidades federadas, que melloraron directamente a calidade de vida das persoas que conviven coa coñecida como ‘enfermidade das mil caras’, con servizos como son a Fisioterapia, o Traballo Social ou a Psicoloxía.
A realización destes tres programas foi posible grazas ao cofinanciamento da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da convocatoria de concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0.7% do IRPF.
