Eroski colabora coas persoas con Esclerose Múltiple a través do programa ‘Céntimos Solidarios’
A iniciativa impulsada por Eroski está adicada este mes ás enfermidades neurodexenerativas, facendo beneficiarias a varias entidades, entre elas FEGADEM.
O Grupo Eroski colabora durante este mes de xaneiro coas persoas que conviven cunha enfermidade neurodexenerativa, como a Esclerose Múltiple, a través do seu programa ‘Céntimos Solidarios’. Os fondos recadados coa campaña, Eroski destinaraos a distintas entidades que traballan no ámbito das enfermidades neurodexenerativas, entre elas FEGAGEM (Federación Galega de Esclerose Múltiple).
Ao longo deste mes de xaneiro, os clientes de Eroski terán a posibilidade de colaborar coas persoas con enfermidades neurodexenerativas ao pasar por caixa grazas á iniciativa ‘Céntimos Solidarios’, que busca recadar fondos para apoiar proxectos que melloran a calidade de vida das persoas afectadas.
As persoas interesadas en colaborar coa causa, tamén poden facelo a través da web habilitada por Grupo Eroski para la campaña.

Os fondos recadados coa iniciativa permitirán ampliar e reforzar a axuda que ofrecen as asociacións de pacientes aos enfermos e ás súas familias, para chegar a máis persoas e que os seus servizos sexan máis estables e permanentes.
No caso de FEGADEM, coa axuda do programa ‘Céntimos Solidarios’ financiarase o ‘Programa nutricional e de vida saudable para persoas afectadas de esclerose múltiple’, un servizo de asesoramento nutricional en cada unha das entidades que forman parte da Federación. Doutra banda, complementarán o programa talleres de exercicio físico que contribúan a manter un bo estado físico das persoas afectadas, con terapias alternativas como poden ser ioga ou pilates.
