As Asociacións Galegas de Esclerose Múltiple súmanse á celebración do día nacional da enfermidade
Xornadas informativas, mesas de sensibilización, actividades deportivas ou a iluminación de lugares emblemáticos, entre as actividades destacadas.
As asociacións galegas de Esclerose Múltiple, entidades socias de Fegadem, sumáronse o pasado sábado 18 de decembro e nos días previos á celebración do día nacional da EM a través de diferentes iniciativas coas que visibilizaron e concienciaron á sociedade sobre a enfermidade e destacaron a importancia do papel esencial que desempeñan as asociacións de pacientes.
Por toda a xeografía galega, no marco do día nacional da EM, as asociacións galegas de afectados puxeron en marcha numerosas iniciativas: xornadas informativas, mesas de sensibilización, actividades deportivas ou a iluminación de lugares emblemáticos da comunidade.
É o caso da Coruña, onde a Torre de Hércules e a fonte de Cuatro Caminos quedaron ‘tinxidas’ de vermello na noite do 18 ao 19 de decembro, cor que o colectivo asocia á enfermidade. Na mesma cidade, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM Coruña), instalou mesas informativas en distintos puntos da cidade para sensibilizar á sociedade e concienciar sobre a EM, unha enfermidade que afecta a máis de 55.000 persoas en España.
Tamén na Coruña, ACEM organizou o pasado 15 de decembro no CHUAC a xornada informativa ‘Actualidad en la EM’, na que dous neurólogas analizaron os avances da enfermidade e o impacto da pandemia nas persoas que viven coa coñecida como ‘enfermidade das mil caras’.
No caso de Ourense, a ponte romana quedou en vermello, así como o edificio da Subdelegación do Goberno e da Deputación. Por outra banda, a Asociación Ourensana de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER) celebrou xunto a RunManiak e Crossfit Ourense o Partners Day Crossfit, unha xornada de crossfit inclusivo que tivo unha “espectacular acollida” na que participaron usuarios e usuarias da entidade xunto con dez equipos locais.
En Santiago, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) montou a semana pasada varias mesas informativas e de sensibilización da enfermidade en San Caetano, San Lázaro e no CHUS. Ademáis, diferentes usuarios da asociación sumáronse á campaña ‘He decidido’, posta en marcha por Merck e avalada por AEDEM-COCEMFE, para falar das súas emocións e sentimentos dende que son diagnosticados ata a aceptación e normalización da Esclerose Múltiple.
A celebración do día nacional da EM chegou tamén a Lugo, onde a Asociación lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM) instalou un posto na feira Diversitarte, así como unha mesa informativa no Carrefour da cidade.
