Pacientes e profesionais analizarán a actualidade da Esclerose Múltiple e a vida coa enfermidade a próxima semana en Santiago de Compostela
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) organiza o II Foro de Esclerose Múltiple o 23 de novembro nas instalacións do edificio Cersia.
Como novidade, o evento poderá seguirse en ‘streaming’ na canle de Youtube da entidade e a través das Redes Sociais con hashtag #EMGalicia18.
A entrada ao foro é gratuita, previa inscrición na web de FEGADEM.
A Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) organiza o próximo venres 23 de novembro o ‘II Foro de Esclerose Múltiple’, no que profesionais e pacientes analizarán o panorama actual da Esclerose Múltiple (EM) e a vida coa enfermidade, que afecta a máis de 3.000 persoas en Galicia. O evento terá lugar nas instalacións do edificio Cersia en Santiago de Compostela (Rúa do Alcalde Raimundo López Pol, s/n) a partir das 16:00h. As inscricións para o foro, de carácter gratuito, están xa abertas a través da web da entidade ata completar aforo. Ademais, como novidade este ano, o evento poderá seguirse por ‘streaming’ na canle de Youtube de FEGADEM e a través das Redes Sociais co hashtag #EMGalicia18.
Tras a celebración, o pasado ano, do I Foro de Esclerose Múltiple en Galicia, FEGADEM aposta por unha nova edición do evento, que nesta ocasión estará dividido en dous bloques diferenciados: o de profesionais e o de pacientes. A primeira mesa, ‘Panorama actual e horizontes da Esclerose Múltiple’, estará composta por diferentes profesionais do ámbito sanitario, da investigación e das asociacións de pacientes, que farán un repaso ao panorama actual que arrodea á EM e as perspectivas de futuro. Entre os ponentes atópanse o doutor José María Prieto, neurólogo presidente da Sociedade Galega de Neuroloxía; Pedro Carrascal, director de Esclerosis Múltiple España (EME) e presidente da Plataforma Europea de Esclerose Múltiple (EMSP); Camila Fraga, médica de atención primaria e investigadora en Esclerose Múltiple; e Fernando de Castro, científico titular do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Alejandro Rodríguez, escritor e traballador social da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM), será o encargado de moderar a mesa.
A VOZ DOS PACIENTES
A segunda mesa de debate, ‘A voz paciente’, dará voz ás persoas que conviven a diario coa Esclerose Múltiple e outras enfermidades crónicas, que compartirán a súa experiencia como pacientes e explicarán as necesidades reais das persoas que conviven cunha enfermidade crónica. No debate trataranse temas como o acceso á información, os bulos en saúde, o papel que xogan as Redes Sociais ou o apoio emocional entre iguais. Entre os ponentes atópanse Paula Pereira, paciente activa de Esclerose Múltiple e autora do blog ‘viviEMdo’; Cristina Maró, afectada de Esclerose Múltiple, presentadora e actriz; e Adrián Sarriá, paciente crónico, enfermeiro e vicepresidente da asociación #FFPaciente. O encargado de moderar esta mesa de debate será outro paciente de Esclerose Múltiple, o xornalista vigués Jacobo Caruncho, autor do blog ‘EMPOSITIVO’ e responsable de comunicación de FEGADEM.
‘STREAMING’ E SEGUIMENTO A TRAVÉS DAS REDES SOCIAIS
Tras cada mesa de debate, os asistentes poderán participar no mesmo e plantexar as súas preguntas aos ponentes. Ademais, e como novidade este ano, o evento será retransmitido en directo na canle de Youtube de FEGADEM e poderá seguirse nas Redes Sociais co hashtag #EMGalicia, a través do cal os espectadores poderán tamén plantexar as súas preguntas aos ponentes dende casa. Con esta iniciativa, a Federación Galega de Esclerose Múltiple busca adaptarse ás necesidades das persoas afectadas e chegar a un maior público.
