O actor Carlos Blanco apadriña a IV carreira e andaina solidarias pola Esclerose Múltiple de Santiago
A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) pon en marcha un vídeo participativo para difundir a proba deportiva que se celebrará o próximo 20 de maio.
O gremio galego de actores volve ser, un ano máis, solidario coa Esclerose Múltiple. Neste caso, é o actor galego Carlos Blanco o que aceptou ser padriño da IV Carreira e andaina solidarias pola EM que organiza a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) o próximo 20 de maio na capital galega.
O actor e humorista arousán, que na actualidade interpreta a Laureano Oubiña na serie de Antena 3 ‘Fariña’, conta cunha ampla traxectoria teatral (ademais de autor e director), e é un dos actores galegos de televisión máis coñecidos. Blanco súmase á lista de actores que apadriñaron nos últimos anos a carreira, que na anterior edición contou coa participación de Iria Sobrado e Toni Salgado.
Vídeo participativo da carreira
En paralelo á noticia do apadriñamento por parte de Carlos Blanco, ACEM prepara un vídeo participativo para conseguir a máxima difusión da carreira do próximo 20 de maio, co fin de alcanzar as 1.000 inscricións. Para iso, todas as persoas interesadas poden mandar o seu vídeo animando a participar na carreira e que sexa todo un éxito.
O vídeo non debe superar os 20 segundos de duración e debe enviarse antes do próximo 2 de maio á Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (difusion.acem@gmail.com) co asunto ‘ meu vídeo’.
