A Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple de AVEMPO gaña o premio ‘Run Run Vigo 2017’ á mellor carreira popular
A asociación viguesa de Esclerose Múltiple recibe o galardón por atesourar os valores de toda proba pedestre e combinalos coa súa filosofía solidaria.
A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple (AVEMPO) recibiu onte o premio Run Run Vigo 2017 á mellor carreira popular pola organización da V Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple, que bateu o pasado ano o seu récord de inscricións e contou coa participación de 1.500 persoas grazas á estrea da modalidade de andaina. A de AVEMPO foi declarada mellor proba de 2017 ao atesourar os valores de toda proba pedestre e combinalos coa súa filosofía solidaria.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi o encargado de entregar o galardón á Carreira Solidaria pola EM, premio que en anos anteriores recaeu na Vigo contra o Cancro, Carreira da Muller e 24 horas de Vigo. O premio foi recollido por María de los Ángeles Moreno, en representación da xunta directiva de AVEMPO, acompañada de Raquel Álvarez e Andrea Soliño, traballadoras da asociación.
“Cada ano a carreira funciona mellor. Este premio é un recoñecemento que recibimos con moita ilusión”, afirma Soliño, traballadora social de AVEMPO.
Hai cinco anos que a asociación puxo en marcha a Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple, con 760 persoas inscritas. Nesta última edición, o número de inscricións subiu ata as 1.500 persoas, demostrando o compromiso dos/as vigueses/as coa causa.
O evento deportivo, celebrado o pasado mes de outubro no barrio vigués de Bouzas, serviu para visibilizar a Esclerose Múltiple e mostrar que a enfermidade afecta a cada persoa de forma distinta. Ataviados cunhas camisetas que recollían unha clara mensaxe de superación (‘Ti podes. Era por recordarcho’), os/as corredores/as e andaineros/as realizaron o percorrido para alzar a voz polas persoas afectadas de EM e as súas familias e recadar fondos para o mantemento dos servizos que ofrece a asociación.
