FEGADEM participa este 2025 na iniciativa Baixo o Mesmo Paraugas
Hoxe, 3 de decembro, FEGADEM participa na iniciativa Baixo o Mesmo Paraugas en Santiago de Compostela, en conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Dende FEGADEM, xunto con entidades como Dano Cerebral Galicia, Dano Cerebral Santiago, AMIPA, APACAF, Feafes Galicia, ACEM Santiago e Down Compostela, fixemos visible o noso compromiso coa inclusión, a dignidade e os dereitos das persoas con discapacidade en Galicia.
“A viaxe destas iniciativas arrincou en 2016 e, dez anos despois, en 2025, ‘Baixo o Mesmo Paraugas’ reúne a máis de 100 entidades que reivindican unha sociedade plural, diversa e accesible”, como se pode ler en Galiciaxa.
A importancia do acto
A campaña de 2025, co lema #Xente10, enfócase nas capacidades, non nas limitacións: “somos xente 10 para traballar, para coller o autobús, para conducir, para vivir con autonomía”.

O evento en Santiago de Compostela serve para visibilizar a realidade da discapacidade, reivindicar os dereitos e fomentar a participación colectiva da sociedade e das entidades que traballan coa discapacidade na cidade.
O compromiso de FEGADEM
Participamos activamente nesta iniciativa para sumar a nosa voz á iniciativa galega que busca reivindicar os dereitos das persoas con discapacidade. Loitamos polo dereito a que estas persoas gocen de oportunidades iguais: emprego, educación, participación social, autonomía, vida digna.

Apostamos pola coordinación, a colaboración e a visibilidade como ferramentas necesarias para avanzar nun modelo de sociedade inclusiva.
Agradecementos
Grazas a todas as entidades participantes e tamén a quen acompañou: Concello de Santiago de Compostela, AGAELA e a todas as demais entidades e persoas que asististes.
“As persoas con discapacidade tamén temos dereito a traballar, a desfrutar, a amar, a ser amados, a estudar, a ter fillos, a ter autonomía”.
