Ourense desenvolve un novo tratamento para o Párkinson
O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) é o primeiro hospital galego en reducir os síntomas da enfermidade con esa medida, baseada na infusión de Duodopa 24 horas subcutánea.
No Día Mundial do Párkinson, o pasado 11 de abril, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), en colaboración con AODEMPER, levou a cabo unha xornada de sensibilización para dar visibilidade a esta enfermidade neurodexenerativa que afecta a máis de 1.100 persoas maiores de 50 anos só na provincia de Ourense.
Un avance pioneiro en Galicia
Ourense convértese na primeira provincia galega en implantar un innovador tratamento para persoas con Párkinson: a infusión Duodopa 24h subcutánea. Esta nova terapia está a revolucionar a vida das persoas afectadas, xa que reduce os síntomas motores e non motores que aparecen ao longo da xornada.
Segundo a neuróloga Rosa Yáñez, este avance “vai cambiar radicalmente a vida das persoas que viven con Párkinson”, xa que permite reducir os períodos “off”, momentos nos que os síntomas como a rixidez, a lentitude, a dor ou mesmo a ansiedade e a tristeza fanse máis presentes. A infusión permite regular e minimizar estas fases, ofrecendo maior autonomía e calidade de vida ás persoas afectadas.
O papel da enfermería
Este tratamento require un seguimento personalizado, e aquí entra o traballo esencial da enfermería, que mantén un contacto estreito e continuo coas persoas usuarias. A súa labor garante unha atención integral e adaptada a cada caso, o que xa está a dar resultados positivos e visibles.
Unha enfermidade que require visibilidade e avances
O Párkinson é unha das enfermidades neurodexenerativas máis frecuentes, especialmente a partir dos 50 anos, e a súa incidencia vai en aumento. Actos como o do CHUO e AODEMPER sirven para sensibilizar á sociedade, impulsar a investigación e dar a coñecer os tratamentos innovadores que poden mellorar o día a día das persoas con Párkinson.
Fonte da información: Ourense, pionera con un nuevo tratamiento para el párkinson – Yasmina López, La Región
