Profesionais da investigación en Galicia estudan como usar a IA para predecir a evolución da EM
O uso de intelixencia artificial permite predecir con gran precisión a evolución da Esclerose Múltiple a 10 anos, optimizando tratamentos e mellorando a calidade de vida das persoas.
O grupo de Investigación Traslacional en Enfermidades Neurolóxicas (ITEN) do IDIS (Santiago) e o IIS Galicia Sur (Vigo) colaboran nun innovador estudo sobre a Esclerose Múltiple (EM) e a súa evolución utilizando a intelixencia artificial (IA), que acaba de ser publicado na prestixiosa revista científica Plos One.
A través dos datos obtidos da primeira resonancia magnética de persoas con EM do Servizo de Neuroloxía do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, o estudo emprega a IA para predecir a evolución da EM nestas persoas a 10 anos cunha precisión próxima so 90%. A investigación analizou un total de 446 rexistros de pacientes con ao menos un ano de seguimento. Este modelo de aprendizaxe automática predice a progresión da discapacidade en persoas con EM utilizando datos de resonancia magnética basal ou inicial (MRI) e avaliacións clínicas coa ‘Escala ampliada do estado de discapacidade’.
“O traballo propón novos modelos para describir a progresión dos pacientes con programas de IA que predicen as súas traxectorias usando estes descritores e, ademais, ofrécenos unha idea de que factores contribúen a dita evolución, como a idade de debut ou as lesións”, explica Silvia Campanioni, primeira autora do estudo. Deste modo, a investigación permitirá optimizar a posoloxía dos tratamentos da Esclerose Múltiple en canto a dose e duración do tratamento, así como optimizar a súa aplicación en función do perfil de cada persoa, mellorando a súa traxectoria mediante o uso de predictores de machine learning personalizados.
Idade de debut e lesións cerebrais
Entre os resultados máis destacados, o estudo identificou que a “idade de debut” é unha das características máis influíntes para os modelos regresores desenvolvidos. Ademais, o número de lesións cerebrais maiores ou iguais a nove na resonancia magnética inicial resultou ser a variable máis influínte nas decisións do modelo clasificador.
A Esclerose Múltiple é unha enfermidade inflamatoria e neurodexenerativa crónica que provoca desmielinización e acumulación de discapacidade a longo prazo. A activación autorreactiva da inmunidade adaptativa xoga un papel protagonista na EM. Aínda que se descoñece a causa exacta que a desencadea, apúntase a unha interacción entre xens e factores de risco ambientais, virais e de estilo de vida.
O atlas de EM 2020 mostra que existen arredor de 3.800 persoas diagnosticadas en Galicia e 55.000 en España, cunha prevalencia do 75% en mulleres e unha media de diagnóstico aos 32 anos.
Ler a noticia completa en Quincemil.
